Ir o contido principal

O Festival Internacional de Teatro Universitario sobe o pano entre o 6 e o 9 de febreiro

Cartel do festival
Cartel do festival
A montaxe teatral ‘Antropoloxía do bico (A síndrome do túnel carpiano)’, a cargo da Aula de Teatro da USC, inaugurará a edición número 28 deste evento cultural
Lugo, Santiago de Compostela

A edición número 28 do Festival Internacional de Teatro Universitario bota a andar o vindeiro martes 6 de febreiro, ás 21.00 horas, no Salón Teatro compostelá, coa nova montaxe da Aula de Teatro da USC titulada ‘Antropoloxía do bico (A síndrome do túnel carpiano)’. A partir de textos de Laura Valeiras, Paulo Mouriño Pereiro, Roberto Salgueiro, Maurice Blanchot e Leila Guerriero, o propio Roberto Salgueiro dirixe esta obra que aborda como o bico inflúe na vida cotiá.

"Cal é a finalidade principal da boca? Comer, morder, falar? Non, bicar. A ausencia ou presenza dos bicos na nosa vida diaria determina o que pensamos, o que queremos, o que odiamos, a que lle temos medo e porque repetimos incansablemente as mesmas accións, como amasar a fariña ou ensaiar coa guitarra, por exemplo. Outros fan atletismo ou len", explican dende a Aula de Teatro da USC á hora de definir o eixo sobre o que se artella a obra. O elenco composto por Laura Valeiras e Paulinho Mouriño Pereiro interpreta esta montaxe de 40 minutos de duración, en lingua galega.

En idéntico horario, desenvolveranse en días sucesivos as seguintes actuacións, tamén no Salón Teatro. O mércores 7 é a quenda para a Aula de Teatro da USC do Campus de Lugo coa representación 'Eréndira é aríndere', unha creación de Andrea González inspirada en textos de Gabriel García Márquez e Mabel Lozano. A peza, en lingua galega, ten unha duración de 52 minutos.

‘Eréndira é Aríndere’ é unha dramaturxia arredor de dúas mulleres “e o vento da súa desgraza”, explican dende a Aula de Teatro. Da trata á pornografía, do realismo máxico ao realismo cru nunha sociedade inestable, a montaxe procura respostas a problemas diversos. “Este esforzo dános o dereito a pedirvos a vós, o público, que tamén vos enfrontedes a estes problemas’’, afirman. O elenco está composto por Anna Aycoberry (Aríndere), Stephanie Cubides (Eréndira), Andrea Maseda (Avoa) e Anita Roca (Ulises). Dirixe Andrea González e conta coa participación de Paulette Sánchez (proxeccións e voz en off), José Gabeiras (voz en off) e Pepo Suevos (voz en off).

'Margarita con coco', de Edward Allan Baker, é a obra coa que a escola de teatro da Universidade de Murcia intervén no festival o xoves 8. Finalmente, o venres 9 a escola de teatro da Universidade da Beira Interior de Portugal, TeatrUBI, pecha o festival coa representación 'Cuspir o coraçao', unha creación de Rui Pires en lingua portuguesa, de 45 minutos de duración.

A entrada é de balde previo paso polo despacho de billetes, que abrirá cada día ás 19.00 horas. Despois de cada función, desenvolverase un encontro coas compañías no ambigú do teatro para falar sobre o proceso de creación das pezas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2024.