Ir o contido principal

O Festival Internacional de Teatro Universitario da USC trae a Santiago compañías de España, Brasil, Rusia, Lituania e Porto Rico entre os días 23 e 27 de marzo

Convertido xa no máis antigo das súas características en Galicia e nun dos máis vellos do Estado, o Festival Internacional de Teatro Universitario da USC volve levantar o pano en Santiago. Será no transcurso da súa décimo quinta edición que traerá á cidade sete compañías de España, Brasil, Rusia, Lituania e Porto Rico entre os días 23 e 27 de marzo.
O vicerreitor de Cultura, Elias Torres, presentou este mércores a programación do Festival, nunha rolda de prensa á que tamén asistiron o responsable da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro, e o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro.
No seu conxunto, a presente proposta achega “unha gran riqueza de perspectivas e ideas” que dá conta do traballo que se está a realizar no espazo universitario, subliñou Elias Torres. En opinión do vicerreitor, a oferta que vai estar nos escenarios da USC materializa a capacidade de risco, experimentación e proba do teatro universitario.
Ao longo destes anos pasaron polos escenarios de Santiago e de Lugo, ambas as dúas sedes estables do Festival, compañías procedentes de Marrocos, Túnez, Costa de Marfil, Chile, Venezuela, México, Cuba, Brasil, Porto Rico, Estados Unidos, Francia, Noruega, Escocia, Bélxica ou Portugal, así como a práctica totalidade das aulas de teatro das universidades galegas e españolas e diversas escolas superiores de arte dramática e centros de ensino privados galegos.
Segundo o responsable da Aula de Teatro da USC e coordinador do Festival, Roberto Salgueiro, cada unha das representacións do festival representan “unha oportunidade única de acceder a espectáculos que a cotío resultan de difícil visionado por razón da súa procedencia xeográfica e cultural”. De xeito paralelo, o Festival é un punto de encontro e de necesario intercambio de experiencias e debates entre directores das aulas de teatro universitarias galegas e españolas.
Dende os seus inicios “unha parte fundamental, ao tempo que protagonista deste festival”, subliña Salgueiro, é o público, non só universitario senón moi plural, pois “as actividades da Aula de Teatro da USC sempre estiveron dirixidas ao conxunto da cidadanía”. Esta boa acollida é, en opinión de Roberto Salgueiro, responsable da consolidación do Festival que nas vindeiras semanas cumprirá “agradecido” un novo aniversario “que é unha celebración para todos os amantes do teatro”.
Ao longo dos cinco días de funcións, a entrada será gratuíta previo paso polo despacho de entradas. En cada unha das xornadas celebraranse dúas funcións, ás 19:00 horas e ás 21:30 horas, a primeira na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño e a seguinte no Teatro Principal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2009.