Ir o contido principal

O Festival de Teatro Universitario de Lugo arranca coa estrea da obra Na túa cara. In yer face

Un momento dos ensaios da obra , da compañía de teatro universitario da USC en Lugo
Un momento dos ensaios da obra , da compañía de teatro universitario da USC en Lugo
O último traballo da compañía teatral da USC en Lugo inspírase na obra da británica Sarah Kane, centrada na denuncia da violencia que caracteriza a sociedade actual

A décimo oitava edición do Festival de Teatro Universitario do Campus de Lugo comeza cunha das súas propostas máis suxestivas: a estrea do último traballo da compañía teatral universitaria do campus de Lugo, Na túa cara. In yer face. A citá é o xoves 22 ás 20.30 horas no auditorio Gustavo Freire da capital lucense. Escrita e dirixida por Paloma Lugilde, a produción baséase na obra dramática da británica Sarah Kane e realiza unha proposta onde a angustia, a dor e a crueldade van tecendo a trama, na que unha particular Alicia realiza unha viaxe a un mundo que pouco ten que ver co país das marabillas de Lewis Carroll e no que subxace unha descarnada denuncia da violencia que caracteriza a sociedade moderna. O seu contido non a fai recomendable para o público menor de idade. Neste enlace pode visionarse unha montaxe de vídeo realizada por Nieves Neira Roca como traballo final do curso de formación continua en Ciberxornalismo impartido pola Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, e cuxos contidos se elaboraron a partir dos ensaios da compañía. Con motivo da celebración dos 18 anos de existencia do certame, no mesmo auditorio Gustavo Freire onde se representan as obras do festival pódese visitar tamén unha exposición na que se recolle o traballo desenvolvido nestes dezaoito anos de certame a través dunha mostra con fotografías das producións teatrais representadas. Outras citas do certame Esta edición do Festival de Teatro Universitario de Lugo desenvólvese entre o 22 e o 27 de marzo, e componse de cinco obras que abranguen as máis variadas propostas, desde o teatro clásico ás tendencias de vangarda, pasando pola adaptación desde a novela e as obras de denuncia social, un dos temas máis presentes na oferta escénica desta edición. A entrada ás representacións é gratuíta en todos os casos. O venres 23 a Compañía de Teatro da USC en Santiago presenta Comedia famosa do cabaleiro de Olmedo, unha montaxe a partir dunha parodia de El caballero de Olmedo, de Lope de Vega. O domingo 25 é a quenda de Teselas, unha proposta novidosa realizada a partir das achegas de alumnos e alumnas lucenses da Escola Superior de Arte Dramática de Madrid. O luns 26 preséntase Un novo mundo feliz, adaptación da coñecida novela de Aldous Huxley realizada polo grupo Mariacastaña da Aula de Teatro Universitaria de Ourense. O festival péchase o martes 27 coa actuación da compañía polaca Theatre Nie Ma; a representación, en inglés e polaco, inspírase na obra de William Shakespeare Soño dunha noite de verán.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2012.