Ir o contido principal

O Festival de Teatro Universitario de Lugo sobe o pano entre o 2 e o 11 de abril

Detalle do cartel do Festival
Detalle do cartel do Festival
O certame chega á súa trixésimo primeira edición
Lugo

Entre os días 2 e 11 de abril, regresa o Festival de Teatro Universitario á cidade de Lugo, na que será a súa trixésimo primeira edición. Abrirá o festival a compañía de teatro USC-Lugo, dirixida por An González, coa peza Voilá, o 2 de abril, ás 20.30 horas, no Auditorio Gustavo Freire. A entrada a todas as funcións desta actividade, incluída dentro da programación da Primavera Cultural da USC, será de balde. 

O 4 de abril, ás 20.00 horas, será a quenda do Teatro el Mayal-ULE, dirixido por Javier R. de la Varga, coa peza Danza de la vida breve, de Antonella Sturla, no Vello Cárcere. O 7 de abril, á mesma hora, a compañía de teatro da USC dirixida por Roberto Salgueiro chegará ao Auditorio Gustavo Freire coa peza Agamenón, volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo, de Rodrigo García. Pola súa parte, a Aula de teatro do Campus de Ourense da UVigo, Grupo Maricastaña, dirixido por Fernando Dacosta, presentará o 9 de abril, ás 20.30 horas, a obra Ludovico 2.5 no Auditorio Gustavo Freire. Finalmente, o 11 de abril, ás 20.00 horas, a compañía Vaites Vaites da USC-Lugo, dirixida por An González, presentará Cara de leoparda na Casa do Saber.

Actividades complementarias

De xeito complementario ao Festival, desenvolverase o  5 de abril o 'EscaparArte', accións escénicas nos escaparates do centro histórico de Lugo, e o 6 de abril terá lugar un taller de creación con Nuria Sotelo. Neste obradoiro abordaranse ferramentas para a creación dende e co corpo, atendendo a tres niveis relacionais: o propio corpo, os outros corpos, e o espazo. O traballo nestes tres niveis pretenden levar consciencia cara a ese lugar escénico dinámico no que os intérpretes se sitúan nunha escoita activa e cunha atención entre dentro e fóra, entre o corpo e a mente, entre a vontade propia e a das outras persoas

Para abordar este traballo, Nuria Sotelo fará uso de ferramentas diferentes da danza contemporánea: Body Weather, Passing Through, Releasse ou Assimetrical Motion. Tamén de prácticas traídas do ioga, a respiración consciente e da súa propia experiencia escénica como intérprete e coreógrafa.

 

 

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.03.2025.