Ir o contido principal

Filoloxía achégase á lírica galego-portuguesa e aos marcadores condicionais no ciclo ‘Que andamos tramando’

García Trabazo e Tamaredo Meira, na súa intervención no ciclo 'Que andamos tramando', na Facultade de Filoloxía
García Trabazo e Tamaredo Meira, na súa intervención no ciclo 'Que andamos tramando', na Facultade de Filoloxía
A profesora Pilar Lorenzo e a investigadora Cristina Lastres ofrecen cadanseu relatorio este mércores, a partir das 12.00 horas, na terceira sesión deste foro sobre lingüística

A Facultade de Filoloxía da USC achégase este mércores aos datos da lírica galego-portuguesa e á insubordinación dos marcadores condicionais en francés, inglés e español no marco da terceira sesión do programa de encontros sobre lingüística ‘Que andamos tramando’, un foro que se desenvolverá a partir das 12.00 horas na aula B 10 do centro universitario compostelá.

A profesora da área de Filoloxía Románica Pilar Lorenzo Gradín, que ofrecerá o relatorio ‘Entre Filoloxía e Lingüística: unha nova base de datos da lírica galego-portuguesa’, e a investigadora predoutoral da área de Filoloxía Inglesa Cristina Lastres, que dará unha charla baixo o título ‘A insubordinación con marcadores condicionais en inglés, francés e español: Unha aproximación pragmático-funcional’, son as dúas relatoras convidadas a participar neste encontro.

O ciclo ‘Que andamos tramando’, de periodicidade bimestral, é unha iniciativa aberta á participación de todo o público interesado na temática proposta impulsada polos profesores da Facultade de Filoloxía Francisco Dubert García, María José Rodríguez Espiñeira , Xulio Sousa Fernández e Victoria Vázquez Rozas, a xeito de actividade complementaria e de cooperación destinada a fornecer os vínculos existentes entre investigadores e investigadoras das distintas áreas de lingüística na facultade compostelá.

Os lingüistas de Filoloxía traballan sobre un amplo abano de linguas con diversas orientacións teóricas e metodolóxicas, lembra a decana María José López Couso. Daquela, engade, un obxectivo destes encontros é a procura de áreas de intersección e de complementariedade na investigación e na docencia.

Os relatorios programados para este mércores no marco do ciclo ‘Que andamos tramando’ permiten dar continuidade ás dúas sesións anteriores xa desenvolvidas no marco deste foro, no que o pasado 23 de abril participaron o membro da Área de Lingüística Indoeuropea José Virgilio García Trabazo e Iván Tamaredo Meira, investigador posdoutoral da Área de Filoloxía Inglesa.

García Trabazo ofreceu súa intervención unha charla sobre gramática baixo o título ‘Sobre a evolución dalgúns proverbios e adverbios indoeuropeos ata as linguas modernas: univerbacións e gramaticalizacións’. De seguido, Tamaredo Meira presentou a charla sobre variación lingüística ‘ Heteroxeneidade gramatical e omisión de pronomes: Diferencias probabilísticas entre variedades do inglés’.

A primeira sesión deste ciclo de presentacións informais no ámbito da lingüística a cargo dun investigador sénior e dun investigador en formación, seguidas dun coloquio posterior, desenvolveuse a finais do mes de febreiro e tivo a Vítor Míguez Rego, investigador predoutoral da area de Filoloxía Galega, quen presentou aspectos da súa tese sobre a modalidade en galego, e María José Rodríguez Espiñeira, da área de Lingua Española, que falou sobre os denominados dativos de solidariedade no castelán de Galicia, en galego e noutras linguas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2019.