Ir o contido principal

Filoloxía conmemora o seu 50 aniversario amosándolle á sociedade os logros obtidos en medio século de vida

O reitor Antonio López, esquerda, a vicedecana Elsa González e o decano Elias Feijo. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López, esquerda, a vicedecana Elsa González e o decano Elias Feijo. FOTO: Santi Alvite
Vídeos divulgativos, un libro que recollerá a historia do centro, conferencias de ex decanas e ex decanos, exposicións e charlas de persoas egresadas son algunhas das actividades previstas

A Facultade de Filoloxía naceu “na eclosión de facultades dos anos 70”, lembraba este xoves o reitor Antonio López na presentación do programa das conmemoracións do medio século de vida do centro, recordando ademais que no ano 1922 a USC soamente tiña cinco facultades, fronte “ás 25 que hoxe conforman a nosa Universidade”. O reitor estivo acompañado no acto polo decano, Elias Feijo, e a vicedecana de Cultura, Elsa González, que expuxeron as liñas xerais e primeiras actividades das conmemoracións dos 50 anos da creación da Facultade.

Feijo asegurou que “unha universidade e unha facultade teñen que construírse coa memoria, non só saber de onde viñamos e a onde vamos, senón tamén nutrirse da reflexión, do pensamento e do desenvolvemento”. Neste sentido, asegurou que “queremos integrar as nosas varias potencialidades, os nosos graos e mestrados e os nosos 23 grupos de investigación, moi activos”.

O decano subliñou que “os estudos de Filoloxía teñen séculos de tradición na Universidade de Santiago, baixo o nome de Universidade Literaria”, aínda que a Facultade actual naceu na última semana de febreiro de 1975, e hoxe en día “difundir o labor que fai, as actividades docentes, investigadoras ou de transferencia de coñecemento, ten que ser fundamental”, para, entre outras cousas, “fortalecer o sentido de comunidade, universidade e servizo público”.

Programa amplo
A vicedecana da Cultura da Facultade, Elsa González, adiantou o programa de actividades que se desenvolverán nos vindeiros meses, comezando por unha serie de vídeos que difundirán o traballo que se realiza no centro “para presentarlle á sociedade o que temos feito” e que se elaborarán en colaboración coa veciña Facultade de Ciencias da Comunicación. Haberá, así mesmo, un libro conmemorativo que recollerá documentos e materiais do medio século de historia de Filoloxía.

Outra das accións previstas é a organización dunha serie de conferencias de ex decanas e ex decanos do centro, que terán lugar mensualmente e que inaugurará Ramón Lorenzo o luns 23 de setembro. Haberá tamén encontros con persoas egresadas da Facultade que falarán de saídas profesionais.

As exposicións integran outra das liñas de actividades, comezando pola do fotógrafo Sérgio Jacques, autor da mostra fotográfica A Dança da Lua, sobre a presenza do escritor Urbano Tavares Rodrigues na cidade de Santiago de Compostela, que pode ser visitada desde este xoves até o venres 20 de setembro. Jacques explicou que Tavares visitou a capital galega en 1948, coincidindo co Ano Xacobeo, e debullou algún dos detalles da biografía do autor. A Dança da Lua será seguida da exposición ¿Encontraría a Julio Cortázar?... cuarenta años después, que será inaugurada o 26 de setembro ás 12.00 horas na Facultade de Filoloxía.

Alén das persoas con responsabilidades académicas nos departamentos, coordinacións académicas, grupos de investigación e comisión organizadora, o acto contou coa asistencia dos membros do comité consultivo da Facultade e de representantes da comisión de honra, así como de membros dos equipos decanais doutras facultades e das entidades colaboradoras e coordinadoras de actividades, xunto con ex estudantes do centro coma a cantante Uxía Senlle, mentres Xurxo Souto enviou un vídeo.
 

Parte do público asistente ao evento. FOTO: Santi Alvite
Parte do público asistente ao evento. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.09.2024.