Filoloxía convértese en epicentro da reflexión arredor das titulacións en Artes e Humanidades

A Facultade de Filoloxía da USC acolle dende este xoves 2 a trixésimo primeira edición da Conferencia de Decanatos de Centros Universitarios con titulacións en Artes e Humanidades (ADEAH). Esta asociación ten como fins propios o fomento, a mellora e a coordinación dos estudos neste eido, mediante a creación de foros de debate e intercambio abertos a toda a cidadanía española sobre temas de interese para estas titulacións universitarias.
O foro que se estende ata o día 3, conta con diversas mesas redondas e tivo como relatorio de apertura a conferencia titulada 'Asesoramento científico en Humanidades e Ciencias Sociais para as políticas públicas: situación actual e perspectivas de desenvolvemento', a cargo de Patricia Martínez García da Universidad Autónoma de Madrid.
A conferencia está a servir de marco para reflexionar arredor de cuestións como a intelixencia artificial e as metodoloxías docentes nas Humanidades; as utilidades da Filoloxía; as Humanidades e as Ciencias Sociais nos programas formativos de Bacharelato e a metodoloxía de ensino na LOMLOE e nos centros universitarios; e os graos e postgraos internacionais nas Humanidades e nas Ciencias Sociais, con especial atención aos novos proxectos no cadro das alianzas europeas. A Conferencia servirá de escenario para a Asemblea Xeral da Asociación que terá lugar o día 3, ás 13.15 horas.