Filoloxía e o Grupo Chévere únense en Dramawalker-Vite, un paseo audioguiado ata o barrio de Vite
Coa vontade de fomentar o coñecemento e o contacto coa súa veciñanza, a Facultade de Filoloxía da USC organiza para os próximos días 26, 27 e 28 de setembro a actividade Dramawalker-Vite, un proxecto do Grupo Chévere desenvolvido co Centro Dramático Nacional e en colaboración con outros teatros e compañías locais, baseado en ficcións sonoras xeolocalizadas para ser escoitadas dando un paseo. Dramawalker Vite propón unha andaina audioguiada dende o corazón da cidade histórica ao barrio de Vite para mergullarse nos relatos que retratan a súa memoria urbana. As persoas participantes poderán escoitar pezas sonoras feitas a partir de historias recollidas da veciñanza e asociadas a distintos lugares do barrio.
A actividade estará guiada por Xesús Ron, director artístico de Chévere e terá como punto de partida, ás 18.00 horas, o antigo Colexio dos Irlandeses (Rúa Nova, 44) para rematar no barrio de Vite ás 20.30 horas. A inscrición pode formalizarse neste formulario. A actividade está aberta ao conxunto da comunidade universitaria.
“Trátase de saír dos teatros á procura da memoria urbana das nosas cidades e comunidades de proximidade”, explican dende o grupo teatral. Unha experiencia que toma como punto de orixe as artes escénicas, a pegada do teatro radiofónico e o teatro comunitario para explorar as posibilidades das narrativas espaciais ou artes locativas, “todas aquelas prácticas nas que o relato se constrúe en relación a lugares polos que temos que transitar para poder acceder ás distintas partes da historia”, engaden.
Testemuños da poboación
As historias contadas pola veciñanza de distintos barrios en diversas cidades son o punto de partida do proceso creativo. Máis alá da historia oficial do barrio, Dramawalker constrúe unha intrahistoria a partir dos testemuños da poboación, potenciando o seu vínculo emotivo e identitario e achegando ao resto da cidadanía a un novo mapa de vivencias por descubrir.
O resultado final é unha serie de ficcións sonoras elaboradas a partir das historias recollidas no barrio coa participación de escritores, escritoras, actores e actrices locais. “Poderemos escoitar as historias ficcionadas do barrio nos lugares onde realmente ocorreron, utilizando unha plataforma web que sitúa cada relato e percorrido nun mapa virtual do barrio”, explican. Así, nesta ligazón accédese á aplicación que deberán usar as e os participantes no paseo.
“A persoa que teña a curiosidade necesaria para ir máis alá da cidade simbólica descrita nas guías turísticas, ten que nos acompañar para descubrir un dos seus barrios máis populares: Vite, sen o que non se podería contar completa a historia da cidade dos últimos 50 anos”, apuntan dende a organización. Un barrio que, a xuízo dos impulsores da iniciativa, é o reverso da cidade turística.