Ir o contido principal

Filoloxía inaugura fondos e novas capacidades para as cátedras Valle-Inclán e José Ángel Valente

O reitor presidirá o acto inaugural que terá lugar este xoves ás 19.00 horas no Salón de Graos da Facultade
Santiago de Compostela

O reitor da USC Antonio López presidirá este xoves 12 a inauguración dos fondos e novas capacidades das cátedras institucionais Valle-Inclán e José Ángel Valente. Será nun acto a partir das 19.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, no que tamén interveñen o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a decana do centro Mª José López Couso; a directora da Cátedra Valle-Inclán, Margarita Santos Zas, e o director da Cátedra José Ángel Valente, Claudio Rodríguez Fer.

Este novo espazo servirá para dotar a estas cátedras institucionais de novas zonas de traballo, así como de vitrinas exteriores nas que expor non só a súa actividade senón tamén parte da obra destes autores galegos.

Valle-Inclán
A Cátedra de Extensión Cultural Valle-Inclán creouse en 2002 en virtude dun convenio de cooperación entre a USC e o Concello de Santiago co obxecto de proporcionar un marco de integración e apoio á tarefa de investigación, actividades e proxectos que desde o 1988 vén desenvolvendo o Grupo de Investigación Valle-Inclán, centrado no estudo da figura e obra do autor galego.

Valente
Pola súa parte, a Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética creouse tras a doazón feita polo universal poeta galego á USC do seu arquivo e biblioteca persoais. En consecuencia, a primeira función da Cátedra é a custodia, catalogación e estudo do importante material doado, así como a organización de actos e a publicación de obras relacionadas co legado recibido. Porén, a actuación da Cátedra, por desexo do propio escritor, está aberta ás múltiples conexións interdisciplinares e interartísticas que a proteica obra de Valente establece coa poesía e coa estética en xeral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2019.