Ir o contido principal

Filoloxía pon o foco nos eufemismos

Corredor da Facultade de Filoloxía. Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
Corredor da Facultade de Filoloxía. Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
Especialistas europeos debaten este venres sobre este tipo de conceptos no discurso xornalístico
Santiago de Compostela

As profesoras da USC Montserrat López Díaz e Nuria Rodríguez Pedreira organizan este venres, na Facultade de Filoloxía, unha xornada sobre os eufemismos nos medios de comunicación. O encontro conta coa intervención de varios especialistas europeos que abordan o estudo dos eufemismos no seu contexto discursivo, desde a perspectiva enunciativa dunha “polifonía diverxente”, tal e como afirman as organizadoras. 

“Quere isto dicir que fronte ao carácter mitigador do eufemismo canónico, en moitas ocasións atópanse na prensa marcas tipográficas como as comiñas e cursivas, comentarios, reformulacións e xuízos de valor que dotan, pola contra, ao eufemismo dunha función polémica”, sinalan. “Conflúen así, no discurso xornalístico, distintas voces discordantes que acaban amplificando a realidade en lugar de minorala”, conclúen. O encontro serve para someter a exame os propios discursos que desenmascaran os eufemismos, unha faceta da “polifonía diverxente” que aínda está, afirman, “pouco explorada”.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.02.2020.