Ir o contido principal

Filoloxía profunda na mediación cultural entre literaturas, linguas e culturas

O libro é o resultado dos traballos expostos no contexto das xornadas ‘Á volta da tradución’ que tiveron lugar na Facultade de Filoloxía o pasado ano, no marco do programa ‘Converxencias’. FOTO: Santi Alvite
O libro é o resultado dos traballos expostos no contexto das xornadas ‘Á volta da tradución’ que tiveron lugar na Facultade de Filoloxía o pasado ano, no marco do programa ‘Converxencias’. FOTO: Santi Alvite
A publicación do volume 'Á volta da tradución' é froito das xornadas que se desenvolveron no programa ‘Converxencias’ co que este centro da USC afonda cada ano nun tema de carácter transversal
Santiago de Compostela

A reflexión sobre o labor de traducir, sobre a tarefa de mediación cultural entre dúas literaturas, dúas linguas e dúas culturas, atópase no foco de atención da Facultade de Filoloxía da USC. O volume Á volta da tradución, editado por Rosa Marta Gómez Pato e Alejandra Ulla Lorenzo, constitúe un novo chanzo na formación das filólogas e filólogos que desenvolve este centro. “Traducir non só significa enunciar nunha lingua o que anteriormente se expresou, de xeito oral ou por escrito, noutra; tamén supón mudar, trocar, interpretar e crear”, explican as responsables do volume.

O libro é o resultado dos traballos expostos no contexto das xornadas ‘Á volta da tradución’ que tiveron lugar na Facultade de Filoloxía o pasado ano, no marco do programa ‘Converxencias’. Esta actividade, organizada dende o equipo de goberno do centro, celébrase anualmente e versa sobre un tema de carácter transversal coa participación do alumnado e profesorado da Facultade.

O primeiro bloque do libro recolle un texto de María Xesús Nogueira Pereira arredor das categorías de tradución e xénero. A segunda parte céntrase na convivencia entre tradición e traizón no ámbito da tradución e nela sitúanse os traballos de María José Alonso Veloso e Tomás Espino Barrera. O proceso da actividade translativa, dende a comprensión dos textos ata as súas diferentes re-escrituras, ocupa o terceiro bloque, protagonizado polos capítulos de Wang Chenchen, Rosa Marta Gómez Pato e Inmaculada Mas Álvarez. Séguelle un cuarto apartado integrado por tres textos, a cargo de Daniel Durán Chapela, José Luís Forneiro Pérez e Manuela Palacios González respectivamente, nos que se establece unha consideración sobre a tradución dende e para o galego.

Finalmente, este libro recolle un quinto bloque con propostas de tradución ao galego de textos pertencentes á tradición grega (Esteban Decabo Nogueira), norteamericana (Paula García Pardavila), escocesa (Diego Rodríguez Vila) e francesa (Santiago Uría).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.07.2022.