Ir o contido principal

Filosofía celebra os 50 anos da Facultade lembrando a súa historia e coa ollada posta no futuro

O reitor Antonio López, cuarto pola dereita, e o decano de Filosofía, Xavier de Donato, posan acompañados por seis ex decanos da Facultade. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López, cuarto pola dereita, e o decano de Filosofía, Xavier de Donato, posan acompañados por seis ex decanos da Facultade. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López presidiu o acto institucional no que se debullou a evolución do centro no seu medio século de vida e se abordaron os retos para os vindeiros anos

O reitor Antonio López presidiu este xoves o acto institucional de conmemoración do 50 aniversario da Facultade de Filosofía da USC e dos estudos universitarios específicos de filosofía en Galicia, unha efeméride que non dubidou en cualificar como “un feito moi importante” na evolución dos estudos filosóficos na comunidade.

O decano da Facultade, Xavier de Donato, sinalou que esta data “é un momento de celebración, porque estamos nun bo momento para a filosofía, bo para a Facultade e para a Universidade en xeral” e apostou pola unidade “á hora de celebrar a nosa historia, facer memoria e mirar para o futuro”, potenciando os estudos de filosofía no novo contexto social e abordando os retos que se presentarán nos vindeiros anos pola propia evolución da disciplina e da sociedade.

A conmemoración, que se desenvolveu no salón de actos do edificio da Facultade na praza compostelá de Mazarelos, contou coa participación dos seguintes exdecanos do centro: Carlos Baliñas Fernández, José Luis Barreiro Barreiro, Juan Vázquez Sánchez, Luís García Soto, José Miguel Sagüillo Fernández-Vega e Marcelino Agís Villaverde, mentres non puido asistir Rafael Martínez Castro, quen tivo o seu mandato despois do de García Soto. Todos eles rememoraron momentos senlleiros na vida do centro e achegaron claves dos períodos nos que estiveron á súa fronte e sobre a evolución dos estudos filosóficos en Galicia.

As actividades de conmemoración dos 50 anos do centro comezaron o 8 de febreiro coa conferencia 'A creación da Facultade de Filosofía da USC' o profesor Carlos Baliñas, primeiro decano no período 1975-76 e posteriormente de 1978 a 1981. Baliñas lembrou que “a bonanza económica creada polos plans de desenvolvemento” fixo que na década de 1970 se incrementara en Galicia o número de estudantes e paralelamente “o Réxime concede a creación de novas facultades se hai paz, se se evitan altercados coma os de 1968”.

Neste contexto naceu no ano 1974 a Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, cuxa creación promoveu o propio Carlos Baliñas, quen chegara á Universidade de Santiago no ano 1970; o obxectivo que se perseguía era conseguir unha maior especialización dos estudos que fose máis alá dos cursos comúns que se impartían para distintas licenciaturas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2024.