Ir o contido principal

Filosofía volve saír á rúa

Facultade de Filosofía. Foto: RQ
Facultade de Filosofía. Foto: RQ
O ciclo ‘Filosofía na rúa’ botará a andar este martes 12 de novembro, ás 19.00 horas, co relatorio ‘Facer filosofía’ a cargo de Javier Turnes do IES Rosalía de Castro
Santiago de Compostela

O ciclo ‘Filosofía na rúa’ botará a andar este martes 12 de novembro co relatorio ‘Facer filosofía’ a cargo de Javier Turnes do IES Rosalía de Castro, a partir das 19.00, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. Esta iniciativa estenderase ata o vindeiro mércores 20 e pretende un ano máis conmemorar o Día Mundial da Filosofía.

Laura Calvo e Sergio Meijide, doutorandos en Historia da Arte da USC; e Sergio Casteleiro, do mestrado en Estudos de Cine e Audiovisual Contemporáneos da Universidade Pompeu Fabra, integrarán a mesa redonda ‘Derivas estéticas do cine comercial: sobre Michael Bay e o límite’, moderada pola estudante de Filosofía, Paula Castrillón. O Salón de Actos da Facultade acollerá este coloquio o mércores 13, a partir das 19.00 horas.

A conferencia ‘Que son os números?’ a cargo de José Fernández López, estudante do grao en Filosofía, terá lugar no Pub A Medusa, o xoves 14, ás 19.00 horas. A idéntica hora, o venres 15, na Facultade de Filosofía, celebrarase o concerto de guitarra ‘Poesía filosófica’, a cargo de Alipio Santiago, doutorando en Filosofía da USC.

Os actos rematarán o mércores 20, na Aula 1 da Facultade, a partir das 19.30 horas, co coloquio sobre Filosofía Xaponesa ‘O ensaio, o vacío e a subxectividade’ no que tomarán parte o escritor Henrique Komatsu e o doutor en Filosofía Brais Arribas. O coloquio estará moderado por Axouxere editora e Nil Farré, estudante de Filosofía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2019.