Finaliza o prazo para inscribirse nos cursos de condución eficiente en Lugo
O vindeiro luns día 11 péchase o prazo de inscrición para participar nos cursos de condución que se impartirán no campus de Lugo a partires do 18 de xaneiro, grazas ao convenio asinado entre a USC e a Fundación Sotavento co fin de promover un uso eficiente e racional do automóbil entre os membros da comunidade universitaria.
Os interesados en participar nestas sesións pódense inscribirse a través do correo electrónico vicexer [at] si.usc.es (vicexer[at]si[dot]usc[dot]es), indicando o día e a hora á que desexan facelo. Logo, recibirán unha contestación na que se confirma a súa admisión e se lles proporciona a información precisa para realizar o cursiño.
As clases terán lugar ás 10:00 e ás 12:00 horas polas mañás e ás 16:00 e ás 18:00 horas polas tardes, son totalmente gratuítas e constan dunha parte teórica, que se impartirá na sala de profesorado da Escola Politécnica Superior, e outra práctica, á fronte dun vehículo da Fundación Sotavento.
Os universitarios que participen nestes cursos aprenderán a modificar algúns aspectos da súa actitude ao volante e do estilo de manexo, o que lle permitirá reducir o gasto de combustible e a emisión de gases contaminantes ao ambiente.