Ir o contido principal

Finaliza o primeiro prazo de matrícula nos estudos de especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica

A Escola de Práctica Xurídica de Santiago é a única galega cuxos estudos teñen rango universitario

O primeiro prazo de preinscrición e matrícula na XXIII edición dos Estudos de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica correspondente ao bienio 2007-2009 rematou xa. A Escola de Práctica Xurídica da USC, en colaboración co Colexio de Avogados e de Procuradores de Santiago, mantén aberto o segundo todo este mes de outubro.
O programa, recoñecido como título propio da USC, está destinado a licenciados en Dereito e alumnos con algunha materia pendente e ten como obxectivos a formación práctica de profesionais altamente capacitados para o exercicio da profesión, así como proporcionar contactos profesionais proveitosos que faciliten a inserción dos licenciados no mercado laboral.
A formación abrangue o adestramento en todas aquelas materias que un avogado ou procurador debe coñecer no exercicio do súa labor profesional e as clases serán impartidas por un equipo de máis de 150 profesionais de recoñecido prestixio e experiencia entre os que hai avogados, xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, notarios, rexitradores, inspectores de facenda e de traballo, entre outros. A duración do curso será de 19 meses, de outubro de 2007 a xuño de 2009, cun total de 2.400 horas distribuídas en 900 horas de prácticas de aula e 1.500 de prácticas externas.
Unha vez superados os Estudos de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica, a Escola de Práctica Xurídica expedirá o correspondente título propio da USC avalado polos colexios de abogados e de procuradores de Santiago, e un Certificado de Aptitude Profesional expedido polo Consello Xeral da Avogacía Española e o Consello da Avogacía de Galicia. Ademais, a realización destes estudos supón un mérito preferente para o acceso á quenda de oficio dos colexios de avogados de Galicia.
A Escola de Práctica Xurídica de Santiago de Compostela é a única galega, e das poucas de España, cuxos estudos teñen rango universitario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2007.