Finou Ceferino Díaz Díaz
Manuel Ceferino Díaz Díaz, político, profesor e amigo de Galicia e do ben, finou en Santiago de Compostela pouco despois do mediodía do 23 de decembro deste ano que remata pedindo que 2013 sexa máis venturoso. Este luns 24, a igrexa parroquial de Escairón do Saviñao (Lugo) acolleu o seu funeral.
Foi profesor de Economía Aplicada na USC, na mesma facultade na que estudou Ciencias Económicas, licenciándose coa primeira promoción, en 1972. O seu labor docente alternouno coa actividade política intensa, en Galicia e en Madrid. Son moitos os que consideran que Cefe (nome familiar e cariñoso) forma parte dos históricos do socialismo galego, sendo testemuña directa ademais do proceso que deu lugar ao Estatuto de Autonomía de Galicia.
Neste mesmo ano, xubilouse aos 65 anos como profesor, pero a súa actividade proseguiu máis alá, con constancia, coa vontade inquebrantable de cambiar o mundo para mellor, tarefa que emprendera xa cando era estudante e que non abandonou ata onte mesmo, cando tivo que ingresar na UCI do Hospital Universitario de Santiago. A Universidade lamenta o seu pasamento e únese á dor dos seus familiares, compañeiros e amigos.