Ir o contido principal

Unha firma xurídica de alcance internacional explica na USC novas técnicas empresariais

O xefe da delegación barcelonesa da firma xurídica internacional Clifford Chance Avogados, Javier Moreno, explicará novas técnicas empresariais de xestión de despachos na primeira sesión do ‘III Curso de Integración Europea, Goberno Corporativo e Responsabilidade Social das Empresas’. A conferencia terá lugar na Facultade de Dereito o luns 10, logo da presentación da profesora da USC, Elena Pérez.
Javier Moreno profundará na xestión de despachos, aspecto no que a Clifford Chance Avogados é pioneiro. No relatorio tamén falará de bo goberno segundo as relacións laborais, economía, calidade, xestión do coñecemento, prensa e modernización do traballo tradicional do avogado.
Enmarcadas no Módulo Jean Monnet, as sesións académicas celébranse ata o vindeiro venres 14 abordando os movementos do goberno corporativo, a organización de empresas ou a responsabilidade social corporativa e o medio ambiente.
A fiscalidade ou os dereitos dos traballadores serán outras das cuestións a tratar no curso que tamén inclúe dúas xornadas especiais os días 8 e 9 de maio sobre goberno corporativo en Europa. Nestas sesións participan o Instituto Max Plank e as universidades de Valladolid, Complutense, Coimbra e Aarhus de Dinamarca.
Organizado pola USC, a terceira edición do ‘Curso de Integración Europea, Goberno Corporativo e Responsabilidade Social das Empresas’ conta coa colaboración da Comisión Europea, o Centro de Documentación Europea e o Instituto de Dereito Industrial da USC. O prazo de matrícula permanece aberto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2008.