Ir o contido principal

Física conta cun novo detector de raios cósmicos

O reitor coñeceu os detalles do detector instalado na Facultade de Física da man do profesor Juan A. Garzón e do decano Luís Miguel Varela Cabo. Foto: Servimav-USC
O reitor coñeceu os detalles do detector instalado na Facultade de Física da man do profesor Juan A. Garzón e do decano Luís Miguel Varela Cabo. Foto: Servimav-USC
Atópase no laboratorio de investigación labCAF e permitirá o estudo da alta atmosfera, a relación dos raios cósmicos co clima, os campos magnéticos terrestre e interplanetario ou a actividade solar...

O laboratorio labCAF da Facultade de Física acolle dende o pasado mes de agosto un detector para a medida permanente de raios cósmicos. O obxectivo desta nova instalación, que ofrece unhas prestacións únicas no mundo, é que o detector tome datos de xeito permanente. Os datos rexistrados permitirán avanzar de xeito significativo no estudo da alta atmosfera, a relación dos raios cósmicos co clima, os campos magnéticos terrestre e interplanetario e a actividade solar, entre outros. O reitor Juan Casares visitou as instalacións este xoves 14 acompañado do responsable do laboratorio, o profesor Juan A. Garzón, e do decano do centro, Luís M. Varela Cabo. O detector foi desenvolvido, construído e montado no laboratorio compostelá grazas á colaboración do laboratorio GSI de Darmstadt e do LIP de Coimbra que proporcionaron gran parte da instrumentación. Para o tratamento e análise dos datos, o equipo responsable do detector está abrindo unha colaboración coa Universidade de Alcalá, o Instituto de Xeofísica de Coimbra, a Universidade de Cracovia, o grupo de Solucións Enerxéticas Sostibles da USC, o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e o Servizo Meteorolóxico de Galicia (Meteogalicia).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2013.