Ir o contido principal

Física mostra as particularidades do CERN nunha mostra explicativa

A Facultade de Física acollerá a partir do vindeiro xoves 2 de maio a mostra ‘O instrumento científico máis grandes xamais construído: unha exposición do CERN’ na que diferentes paneis explicativos dan conta da misión do CERN, a súa estrutura, o LHC e os seus experimentos principais ou as aplicacións principais da investigación básica e a participación española no maior laboratorio de Física de Partículas do mundo. Trátase dunha exposición itinerante organizada polo CERN e o Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN).

O vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, inaugurará o xoves 2 a mostra nun acto programado para as 9.30 horas, ao que tamén está previsto que acuda o secretario xeral de Universidades José Alberto Díez de Castro. Na actualidade, dous grupos do Departamento de Física de Partículas da USC e do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) realizan experimentos no acelerador (LHC-Large Hadron Collider), concretamente nos experimentos Alice e LHCb. A participación dos investigadores da USC tamén terá visibilidade na mostra coa inclusión de charlas sobre as súas actividades nos dous experimentos do LHC.

A exposición, que se completa coa proxección de vídeos e a exhibición de material relacionado co acelerador de partículas, está a disposición do público en xeral e particularmente do alumnado de colexios e institutos ata o próximo 20 de maio. Para estes últimos se organizarán visitas guiadas que inclúen unha charla explicativa de 30-40 minutos. Paralelamente, e dentro da programación de actividades desta exposición, o director de Investigación e Computación do CERN, Sergio Bertolucci, impartirá o día 10 de maio unha conferencia na Aula da Fundación Novagalicia Banco sobre os últimos achados realizados no CERN.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2013.