Ir o contido principal

Física mostra as particularidades do CERN nunha mostra explicativa

De esquerda a dereita, Néstor Armesto, José M. Sánchez, Francisco González, Juan José Saborido e Carlos Pajares. Foto: Alfonso-Servimav
De esquerda a dereita, Néstor Armesto, José M. Sánchez, Francisco González, Juan José Saborido e Carlos Pajares. Foto: Alfonso-Servimav

Co lema ‘ O instrumento científico máis grandes xamais construído: unha exposición do CERN’, a Facultade de Física é a porta de entrada a unha mostra que ata o próximo 20 de maio mostra ao público xeral as particularidades e a misión do CERN, a súa estrutura, o LHC e os seus experimentos principais ou as aplicacións principais da investigación básica e a participación española no maior laboratorio de Física de Partículas do mundo. Trátase dunha exposición itinerante organizada polo CERN e o Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN), presente en diversos puntos da xeografía española. O vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, inaugurou este xoves 2 a mostra nun acto programado no que tamén estiveron presentes o vicedecano da Facultade José M. Sánchez de Santos, e os promotores da iniciativa, os profesores Néstor Armesto, Juan José Saborido e Carlos Pajares. A exposición, que se completa coa proxección de vídeos e a exhibición de material relacionado co acelerador de partículas, está a disposición do público en xeral e particularmente do alumnado de colexios e institutos ata o próximo 20 de maio en horario de 9.00 a 21.00 horas. Para estes últimos se organizarán visitas guiadas que inclúen unha charla explicativa de 30-40 minutos. Paralelamente, e dentro da programación de actividades desta exposición, o director de Investigación e Computación do CERN, Sergio Bertolucci, impartirá o día 10 de maio ás 19.00 horas unha conferencia no auditorio do Centro Cultural Novacaixagalicia sobre a misión e o traballo desenvolvido polo seu centro e os seus descubrimentos máis recentes, entre eles o do bosón de Higgs o ano pasado. Na actualidade, dous grupos do Departamento de Física de Partículas da USC e do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) realizan experimentos no acelerador (LHC-Large Hadron Collider) do CERN. En concreto, o experimento LHCb investiga, entre outros aspectos, a asimetría materia-antimateria que explicaría o predominio da materia no universo. Doutra banda, o experimento ALICE estuda as colisións entre ións pesados para entender a interacción forte, responsable de manter unidos os núcleos atómicos, caracterizando o plasma de quarks e gluóns que constituíu unha das fases do Universo primitivo uns microsegundos despois do Big Bang. A participación dos investigadores da USC tamén terá visibilidade na mostra coa inclusión de charlas sobre as súas actividades nos dous experimentos do LHC, concretamente o día 14 cos traballos que se realizan no LHCb o día 14 e o 15 de maio cos relativos aos de ALICE. Para máis información, contactar con Néstor Armesto (nestor.armesto [at] usc.es (nestor[dot]armesto[at]usc[dot]es)) ou Juan José Saborido (juan.saborido [at] usc.es (juan[dot]saborido[at]usc[dot]es)).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2013.