Ir o contido principal

Física organiza unhas xornadas para orientar aos seus estudantes na busca de emprego e continuación de estudos

Continuación de estudos, busca de emprego ou emprendemento e autoemprego son tres posibles alternativas que se presentan ao remate dos estudos universitarios de grao. Estes tres mesmos ámbitos serán os que se analicen polo miúdo nunhas xornadas dedicadas á orientación laboral e posgrao na Facultade de Física. Baixo o lema ‘E agora que?’, estas xornadas celebraranse na Aula Magna da Facultade de Física do luns 26 ao mércores 28, de 19.00 a 21.00 horas con entrada libre e gratuíta. Están promovidas pola Comisión de Actividades Culturais deste centro compostelán en colaboración con asociacións estudantís e representantes de estudantes No seu desenvolvemento participarán integrantes do propio centro así como asesores da Confederación de Empresarios de Galicia ou emprendedores como os promotores das empresas Blusens, AVA ou Xpert. Programa A quenda do luns 26 arrancará dedicada á formación de posgrao, nunha sesión na que se explicarán as distintas posibilidades que os futuros/as titulados/as terán de ampliar os seus estudos ao tempo que orientar as súas carreiras cara unha maior especialización. Enerxías renovables, fotónica e tecnoloxía láser, física nuclear e de partículas e as súas aplicacións, computación de altas prestacións, tecnoloxía da información, tecnoloxía dos materiais, coloides e interfase ou enxeñaría matemática son algunhas das opcións que o estudantado poderá atopar no propio centro compostelán. Xa o martes 27, as persoas interesadas recibirán asesoramento en materia de bolsas e posibilidades de financiamento para cursar estes posgraos, así como información en materia de orientación laboral para a busca de emprego e as particularidades do programa Eures. As xornadas concluirán o mércores referíndose ao emprendemento e autoemprego, coñecendo de primeira man a experiencia das empresas AVA, Xpert e Blusens.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.03.2012.