Ir o contido principal

A física de partículas, nuclear, astropartículas e cosmoloxía, a debate na USC

O reitor Juan Viaño foi o encargado de inaugurar esta terceira edición do congreso (Foto: Santi Alvite)
O reitor Juan Viaño foi o encargado de inaugurar esta terceira edición do congreso (Foto: Santi Alvite)
No encontro participan especialistas de España e Rusia, entre eles o premio deste ano da Sociedade Europea de Física, Lev Lipatov, e o creador da teoría inflacionaria da orixe do Universo, Alexei...

Investigadores dos principais centros rusos e españois asisten esta semana na USC ao terceiro congreso Rusia-España de Física de Partículas, Nuclear, Astropartículas e Cosmoloxía que se inaugurou este martes na Facultade de Física. Asistiron ao acto de apertura o reitor Juan Viaño e o primeiro secretario da Embaixada Rusia, que estiveron acompañados do director do Instituto Galego de Física de Altas Enerías da USC, José Luis Miramontes; do decano da facultade compostelá, Luis Miguel Varela Cabo; e do catedrático de Física de Partículas da USC, Carlos Pajares. Entre os participantes rusos atópanse destacados investigadores, entre eles catro académicos de Ciencias de Rusia; o premio deste ano da Sociedade Europea de Física, Lev Lipatov; o creador da teoría inflacionaria da orixe do Universo, Alexei Starovinsky; e outros docentes galardoados con importantes premios como Mikhail Braun, posúe a distinción de científico distinguido de Rusia.

No congreso, que se desenvolverá ata o día 11, discutiranse as principais cuestións actuais do campo, en especial problemas relacionados coa Física máis alá do modelo estándar e as súas relacións coa materia escura e a enerxía escura, os relacionados coa teoría inflacionaria da orixe do Universo e os avances da teoría de cordas.

O encontro desenvólvese enteiramente na Facultade de Física (Foto: Santi Alvite)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.09.2015.