Ir o contido principal

Física, Química, Ciencias, Matemáticas e Bioloxía celebraron conxuntamente a festividade do seu patrón San Alberte Magno

O reitor, xuntos cos decanos e decanas e o profesor José Rivas. Foto: Santi Alvite
O reitor, xuntos cos decanos e decanas e o profesor José Rivas. Foto: Santi Alvite

O reitor Juan Viaño presidiu este venres 17 na Facultade de Física a festividade de San Alberte Magno, patrón das facultades de Física, Bioloxía, Ciencias, Matemáticas e Química, “as ramas máis experimentais do saber” sinalou o reitor no seu discurso. Todas elas conforman “a senda de calidade na que desexa inscribirse unha universidade que, cos seus catro mil traballadores e case 25.000 estudantes, foi quen de seguir avanzando na investigación e na docencia, a pesares dunha situación económica non favorable e por unha tendencia xeneralizada de redución do investimento en coñecemento e formación”.

Na mesa presidencial participaron os decanos dos cinco centros, os profesores José Manuel Martínez Ageitos (Ciencias), Luís Miguel Varela Cabo (Física) e Antonio Segura Iglesias (Bioloxía) e as profesoras Elena Vázquez Cendón (Matemáticas) e Pilar Bermejo Barrera (Química). Nun recorrido polas fortalezas das cinco titulacións representadas no acto, Viaño destacou á Facultade de Física por ser a que rexistra o maior número de investigadores mozos de elite, así como a “preponderancia da Facultade de Matemáticas nos principais ránkings mundiais” como aval da súa excelencia. Da Facultade de Bioloxía destacou a súa capacidade investigadora, de transferencia de coñecemento e a súa implicación no desenvolvemento do futuro grao de Biotencoloxía, mentres que a de Química “ rexistra, ano a ano, as máis elevadas cotas de demanda entre o alumnado de novo ingreso na nosa Universidade”.

O fundamental dunha “universidade integral e íntegra como a nosa apunta a garantir a abordaxe de calquera obxecto de estudo dende todas as metodoloxías posibles”. A través da vindicación da figura de San Alberte Magno “celebramos asemade unha universidade que soubo conciliar con éxito a ‘ Universitas’ e a ‘Specialitas’ e unha universidade que, se é capaz de enfrontar os máis difíciles retos, faino sen dúbida pola súa vocación de polímata, como San Alberte magno”, concluíu o reitor.

O profesor José Rivas Rey pronunciou a conferencia ‘A nanotecnoloxía: oportunidades en materiais avanzados e outras áreas emerxentes’, intervención deu paso ao acto de entrega dos premios da cuarta edición do concurso de fotografía ‘A ciencia en imaxe’.

O acto celebrouse na Facultade de Física. Foto: Santi Alvite O profesor José Rivas Rey falou sobre as oportunidades que a nanotecnoloxía achega no ámbito dos materiais avanzados e outras áreas emerxentes. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2017.