Ir o contido principal

Física reúne un cento de especialistas en materiais iónicos

Como novidade, no congreso entregarase o primeiro premio Ruth M. Lynden para recoñecer a traxectoria de investigadores/as con achegas de gran relevancia no ámbito dos sistemas iónicos

A International Conference on Ionic-liquid based Materials (ILMAT) exporá na Facultade de Física os últimos avances no estudo dos materiais iónicos tanto a nivel fundamental como orientado a unha gran cantidade de aplicacións en campos tan relevantes como o electroquímico, síntese, catálise, almacenamento de enerxía, aplicacións biomoleculares ou fotónica, entre outros. Cun enfoque multidisciplinar, a conferencia pretende pechar a lagoa entre investigación fundamental, teórica e experimental en líquidos iónicos e as súas aplicacións industriais, reunindo expertos recoñecidos mundialmente procedentes tanto do campo académico como da industria.

Entre este martes e o venres 27, Física reúne arredor dun cento de especialistas na cuarta edición de ILMAT no que, como novidade terá lugar a primeira entrega do premio Ruth M. Lynden para recoñecer a traxectoria de investigadores que fixeron achegas de gran relevancia no ámbito dos sistemas iónicos. Ruth M. Lynden, quen imparte a lección inaugural do congreso, é profesora emérita da Universidade Cambridge, doutora honoris causa pola Universidade de Belfast e fellow da Roya Society. Igualmente, está considerada unha pioneira nas simulacións por computadora de líquidos e defensora destacada do papel da muller na ciencia. Na súa primeira edición, o premiado é Alexei Kornyshev, profesor do Imperial College de Londres e un dos principais teóricos do campo na actualidade.

Organizan o congreso os profesores Luis Miguel Varela Cabo e Elena López Lago e o investigador Hadrián Montes, xunto cos profesores da Universidade da Coruña Óscar Cabeza Gras e Luisa Segade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2017.