Ir o contido principal

O físico matemático inglés Roger Penrose recolle o IV Premio Fonseca a vindeira semana en Santiago

O físico matemático inglés Roger Penrose recolle o IV Premio Fonseca a vindeira semana en Santiago
O físico matemático inglés Roger Penrose recolle o IV Premio Fonseca a vindeira semana en Santiago

O físico matemático Roger Penrose (Inglaterra, 1931) visitará Compostela a vindeira semana para recoller o IV Premio Fonseca que concede o Programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago. En anteriores convocatorias este premio recaeu en Stephen Hawking, James Lovelock e David Attenborough. Roger Penrose recollerá o premio nunha cerimonia oficial o mércores 23 ás 20.00 horas no Auditorio de Novagalicia Banco (Rúa do Preguntoiro, 23. Santiago) na que pronunciará a conferencia ‘ Mirando a través do Big Bang­ cara a ­outro mundo’. Pero o programa de Penrose dará comezo un día antes, o martes 22, cunha rolda de prensa ás 11.00 horas e, xa pola tarde, unha recepción co reitor e unha xuntanza con estudantes da USC na Facultade de Matemáticas. Na mañá do mércores reunirase con investigadores da Universidade de Santiago na Facultade de Física. A mente e o Big Bang De entre toda a súa carreira investigadora quizais a súa teoría da mente lle supuxo máis críticas. Penrose considera a existencia de natureza non computable nas leis físicas que describen a actividade mental, o que quere dicir que o cerebro non é replicable cos coñecementos e avances actuais en computación. Suxire, en definitiva, que ningunha máquina poderá ser intelixente como un ser humano. Penrose é coñecido ademais pola reformulación da teoría do Big Bang coa súa do universo cíclico. Segundo o científico británico o espazo e o tempo non comezaron aí senón que o universo existe nun ciclo continuo de "rebotes" que el chama "eóns" e que xa antes do Big Bang sucederan. Roger Penrose Membro da Royal Society de Londres, en 1990 gañou o Science Book Prize e dous anos antes compartiu con Stephen Hawking o Premio Wolf en Física, considerado a antesala dos Nobel. Precisamente en 1965 en Cambridge probou con Hawking, con quen ten varias obras publicadas, que as singularidades poden formarse a partir do colapso de inmensas estrelas moribundas. Moito tempo antes, en 1965 como estudante, o novo Premio Fonseca reinventou a inversa xeralizada, máis coñecida como a inversa Moore-Penrose. Outro descubrimento produto das súas investigacións nos anos sesenta sería a hipótese de censura cósmica, que propón que o universo nos protexe da impredictibilidade das singularidades como os buratos negros ocultándoos da vista. Resolver isto é un dos problemas máis importantes na teoría da relatividade. A interdisciplinariedade do profesor de Oxford chega incluso ao mundo da arte, de maneira que as figuras imposibles que deseñou nos anos 50 –triángulo e escaleira de Penrose- foron logo popularizadas con éxito polo artista holandés Maurits Escher. O xurado considerou ademais a publicación en 2006 do seu libro El camino a la realidad: Una guía completa a las leyes del universo , que constitúe un dos mellores manuais de divulgación dos últimos tempos. Entre os premios recibidos por Penrose destacan as medallas Eddington en 1975, Dirac en 1989 e a Albert Einstein en 1990; o Premio Naylor en 1991 ou a importante Medalla Copley en 2008.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.11.2011.