Ir o contido principal

Físicos determinan o tamaño no que a complexidade social dos grupos humanos implica un salto cualitativo

O comportamento dos sistemas sociais muda cando o seu tamaño cruza certos limiares. FOTO: Pixabay
O comportamento dos sistemas sociais muda cando o seu tamaño cruza certos limiares. FOTO: Pixabay
Os investigadores da USC Martín Saavedra, Jorge Mira e Alberto P. Muñuzuri, xunto con Luís F. Seoane do CSIC, conclúen que o comportamento colectivo humano altérase de xeito notorio ao chegar a grupos de 180 e 5.000 persoas
Santiago de Compostela

As dinámicas sociais son moldeadas tanto polas accións individuais como polas tendencias colectivas que emerxen cando as persoas se xuntan. Con todo, o comportamento dos sistemas sociais muda cando o seu tamaño cruza certos limiares, o que implica que os comportamentos emerxentes comecen a dar forma ao destino do conxunto, anulando a dinámica máis directa de cada unha das partes. Este é o punto de partida do traballo desenvolvido por investigadores da USC e do Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC no artigo titulado ‘A spectrum of complexity uncovers Dunbar’s number and other leaps in social structure’. A través dunha novidosa análise matemática, a investigación publicada en Chaos, Solitons & Fractals determina escalas (números de persoas) nas que a complexidade dun grupo social se ve incrementada de xeito especialmente intenso. Os resultados son de potencial aplicación en economía ou política, por exemplo, á hora de comprender como cambiará a complexidade dunha empresa ou unha rexión ao crecer por riba dun certo tamaño.

“O aumento da complexidade ás veces experimenta saltos bruscos. Existen certos tamaños por debaixo dos cales as nosas relacións son simples; pero unha vez que superamos ese límite, a estrutura social vólvese máis complexa de forma moi rápida”, explican os investigadores da Facultade de Física da USC, Martín Saavedra, Jorge Mira e Alberto P. Muñuzuri; e Luís F. Seoane do CSIC. “Que é un pobo? E unha cidade? Sabemos que se diferencian no número de habitantes, pero intuímos algo máis: a vida social dunha aldea parécenos moito máis sinxela que a dunha capital, por exemplo. Os humanos organizámonos en grupos de tamaños moi distintos, dende un equipo de rugby, pasando por unha provincia, ata unha nación”, engaden.

Metodoloxía

O equipo estudou os procesos sociolingüísticos acontecidos en Galicia ao longo dos últimos cen anos. Neste tempo, o galego tendeu a ser substituído polo castelán, malia que as dúas son linguas romances con alta intelixibilidade mutua, o que habilita o bilingüismo e podería soster a coexistencia dos dous idiomas a longo prazo. Estas dinámicas despregáronse ao mesmo tempo, a diferentes velocidades, en núcleos rurais e en grandes cidades. Galicia contén a metade das 60.000 entidades singulares de poboación que hai no conxunto do Estado, das cales 27.000 son núcleos con menos de cen habitantes, feito que permitiu aos investigadores contar con grupos sociais de diversa complexidade á hora de abordar a evolución deste fenómeno.

“Esta distribución brindounos unha oportunidade única de estudar en que escalas sociais emerxentes o comportamento humano vese alterado de xeito notorio”, explican. Segundo a súa hipótese, cando máis sinxela fose a rede social de cada municipio, máis rápido deberían acontecer os cambios correspondentes, mentres que en cidades como A Coruña ou Vigo deberían tomar máis tempo.

De Dunbar a Platón

Os investigadores ordenaron estas velocidades de cambio segundo a fracción de poboación urbana en cada rexión. Con isto descubriron que hai “tamaños” nos cales a complexidade da rede social pega un “acelerón”. As escalas singulares localízanse ao redor de 180 e 5.000 habitantes, ambos números moi significativos no estudo da complexidade de grupos humanos. 180 é o máis destacado pola súa proximidade ao chamado número de Dunbar, antropólogo que teorizou sobre a cantidade de persoas que poden relacionarse plenamente nun grupo social. “Por enriba dese número resultaría máis complicado prestar a atención suficiente ás nosas relacións, que acabarían colapsando”, apuntan os científicos. Investigacións previas mostraron como animais con diferentes capacidades cognitivas teñen un número de Dunbar acorde, o cal condiciona o tamaño dos grupos que poden establecer. “Esta investigación mostra que os humanos desenvolvemos grupos por enriba dese límite cognitivo aínda a risco  de que as nosas redes sociais se volvan moito máis complexas”, engaden.

A outra escala singular detectada, 5.000 persoas, entronca co que sucede en varios ordenamentos territoriais xa que a lexislación española marca cambios en concellos con máis de 5.000 habitantes, sendo este tamén un dos límites nos que se producen modificacións na composición dos plenos municipais, entre outros. Os autores apuntan como curiosidade que esta cantidade coincide case con 5.040, o número que Platón identificaba como o tamaño ideal da súa polis utópica. Esta nova investigación mostra que algo singular sucede nos grupos sociais ao redor dese tamaño malia que “parece que a intuición política humana xa notara a relevancia desa escala, e que a incorporou de diversas maneiras á nosa forma de organizarnos”, sinalan.

De esquerda a dereita, Jorge Mira, Luís F. Seoane, Martín Saavedra e Alberto P. Muñuzuri
De esquerda a dereita, Jorge Mira, Luís F. Seoane, Martín Saavedra e Alberto P. Muñuzuri
Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.04.2023.