Físicos discrepan coa Sociedade do Sono e defenden o cambio de hora en Estados Unidos
O cambio estacional de hora non afecta á duración do período de luz diúrna —fenómeno natural alleo ás convencións humanas— senón que permite optimizar o seu uso aproveitando a luz matinal para realizar actividades e así conseguir máis horas de lecer diúrno. Este é o eixo sobre o que se asenta o artigo que os profesores da USC e da Universidade de Sevilla, Jorge Mira Pérez e José María Martín Olalla, acaban de publicar na revista Sleep e na que analizan a naturalidade e utilidade do cambio estacional da hora en resposta a un manifesto da Sleep Research Society que pide o seu fin en Estados Unidos e a adopción da hora de inverno de forma permanente. En relación co cambio de hora que en Estados Unidos terá lugar o próximo 12 de marzo, os investigadores consideran que “a cancelación da práctica non mellorará o escenario actual no rango de latitudes sobre o que se sitúa Estados Unidos”.
Con todo, opinan que o cambio de primavera chega cedo en Estados Unidos, e o cambio de outono atrásase demasiado, o que incide especialmente nas persoas con xornada laboral máis adiantada. A xuízo dos investigadores, se se admite que as datas dos cambios de hora deben modificarse en beneficio da poboación, o cambio de primavera debería producirse tras o equinoccio, principios de abril, como acontecía en Estados Unidos ata o ano 2007. “Da mesma forma, se o cambio de outono chegase a principios de outubro, como era ata 1954, moitas persoas traballadoras e cativada en idade escolar deixarían de estar sometidas ás estresantes horas crepusculares das mañás de outubro”, explican no seu traballo os autores.
Os investigadores continúan sinalando que as sociedades modernas, rexidas por horarios preestablecidos, só poden regular estacionalmente a súa actividade a golpes dunha hora, como se fai co actual cambio. Os inconvenientes momentáneos desta alteración, segundo os expertos, compénsanse cunha mellor aliñación do inicio da actividade co amencer. No seu traballo apuntan que, na práctica, a poboación non varía os seus horarios tras os cambios, un indicio do éxito da medida, advirten Jorge Mira Pérez e José María Martín Olalla. “Non é fácil manter un piñón fixo de reloxo todo o ano, cando as horas de saída do Sol cambian de inverno a verán, aliviamos esa necesidade cambiando estacionalmente a hora, e se non o fixésemos, cambiariamos estacionalmente os horarios de traballo”, matizan.
Preadaptación
Os autores subliñan o feito de que o día invernal é curto, o que condiciona a actividade humana; mentres que a noite estival é tamén de menor duración, o que condiciona a conciliación do soño; e iso con independencia de facer ou non o cambio de hora. “Destacamos que o amencer invernal e o anoitecer estival están separados por doce horas, con independencia da latitude. Se a actividade humana iníciase co amencer invernal e emprégase a regulación estacional da hora, entón o inicio da actividade humana no verán e o anoitecer estival están separados por once horas, probablemente suficiente para un soño adecuado. Aquelas persoas que teñen un inicio da actividade máis temperán que a hora do amencer invernal poden notar que a regulación horaria é menos adecuada no verán. Pero é de destacar que a propia regulación axudou a evitar que a actividade humana se desenvolvese antes do amencer invernal”, explican.
“No verán ou te deitas cedo, pouco despois de anoitecer, ou te levantas tarde, moito despois de amencer”, explica Jorge Mira, quen foi membro da comisión do Goberno de España para a análise da hora oficial. José María Martín Olalla, investigador nos usos sociais do tempo, con especial énfase na adaptación humana ao ciclo estacional da luz e escuridade, engade “coñecemos os inconvenientes de practicar o cambio de hora, é dicir, as molestias de cambiar o reloxo dúas veces ao ano; esquecemos as súas vantaxes e descoñecemos os inconvenientes de non practicalo”.
A maior preocupación da comunidade cronobiolóxica e do sono reside nos riscos que produce o salto dunha hora. Neste sentido os autores propoñen unha adaptación preventiva alterando, por exemplo, a alarma do espertador nas semanas anteriores ao cambio de primavera en catro etapas de quince minutos, tres etapas de 20, ou dúas de 30. O cambio de hora en Europa realizarase o domingo, 26 de marzo, mentres que en Nova Zelandia, Australia e Chile terá lugar o domingo, 3 de abril.