Ir o contido principal

Físicos optimizan a ventilación dos espazos interiores cun sistema testado en centros educativos de Galicia

A proposta que agora ve a luz foi testada con éxito dende comezos de 2021, pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade nos centros educativos galegos á hora de identificar o tempo necesario de ventilación nas aulas e outros espazos docentes
A proposta que agora ve a luz foi testada con éxito dende comezos de 2021, pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade nos centros educativos galegos á hora de identificar o tempo necesario de ventilación nas aulas e outros espazos docentes
“Dado que a transmisión aérea do SARS-CoV-2 é a clave na propagación da COVID-19, o interese pola calidade do aire nos espazos pechados volveuse de suma importancia”, explican os asinantes do artigo e investigadores da Facultade de Física, Alberto Pérez Muñuzuri, Alberto Otero Cacho e Jorge Mira Pérez
Santiago de Compostela

Coa desaparición da obrigatoriedade das máscaras faciais en interiores, cobra especial relevancia a ventilación axeitada dos espazos. Un equipo de científicos da USC acaba de publicar na revista Indoor and Built Environment o artigo que presenta un sistema no que, tras a introdución de parámetros básicos dun espazo dado como o seu volume, emprazamento, orientación, contorna arquitectónica ou ocupación media, produce tempos de ventilación optimizados en base a prognósticos meteorolóxicos.

A proposta que agora ve a luz foi testada con éxito dende comezos de 2021, pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade nos centros educativos galegos á hora de identificar o tempo necesario de ventilación nas aulas e outros espazos docentes. “Dado que a transmisión aérea do SARS-CoV-2 é a clave na propagación da COVID-19, o interese pola calidade do aire nos espazos pechados volveuse de suma importancia”, explican os asinantes do artigo e investigadores da Facultade de Física, Alberto Pérez Muñuzuri, Alberto Otero Cacho e Jorge Mira Pérez.

Dúas fases

O sistema artellouse en dúas fases. Na primeira, os centros educativos introduciron na web do sistema certos datos básicos das súas aulas, sobre todo os seus volumes e as superficies das fiestras, xunto coa súa orientación xeográfica e unhas indicacións mínimas sobre os posibles obstáculos exteriores para a circulación do aire. Con eses datos e xunto aos valores numéricos de predición meteorolóxica proporcionados dúas veces ao día por Meteogalicia, o sistema indicáballe a cada centro, de xeito individualizado, o ritmo e tempo necesario de ventilación para cada unha das aulas introducidas no sistema. O resultado ofrecíase tanto para a franxa matinal como como a vespertina. Ese dato era afinado cruzando a información introducida no sistema polos centros cunha serie de tipoloxías de distribución interior. Deste xeito, cada centro podía saber canto tempo debían permanecer as ventás de cada aula abertas para conseguir a renovación do seu aire.

“Foi a primeira vez que se combinaban os datos meteorolóxicos específicos de cada localidade para dar unha marxe de ventilación máis acaída a cada aula no día a día”, sinalan os investigadores. “Isto supuxo unha mellora relativa sobre as recomendacións xerais que había ata ese momento, ao dar pautas específicas para cada caso, que dependen tanto do emprazamento xeográfico como, sobre todo, da situación meteorolóxica puntual”, engaden. Ademais, deste xeito, optimízase o confort dos ocupantes da aula e os recursos de calefacción sempre mantendo a máxima seguridade dende o punto de vista da saúde.

VentilatioLab

Os autores deste sistema son tamén promotores da spin-off da USC VentilatioLab que botou a andar en febreiro deste ano. A obtención dunha calidade do aire óptima en espazos pechados, minimizando o impacto da COVID-19 e outros virus, foi o xermolo desta empresa de base tecnolóxica que ten por obxecto reducir a capacidade de transmisión de patóxenos e contaminantes aéreos. VentilatioLab desenvolve unha tecnoloxía propia que, a través do cálculo de dinámica de fluídos, establece cal debe ser a localización e número dos ocupantes de cada espazo para mellorar a salubridade do aire. “A chave é a identificación de dominios de fluxos de aire illados dentro do propio espazo, de forma que os aerosois (nanogotas) exhalados polos ocupantes nun dominio non alcancen a outros e, por tanto, non sexan inspirados polos demais ocupantes do espazo”, explican os promotores.

As predicións que elabora VentilatioLab poden ser explotadas dende a fase de deseño arquitectónico e enxeñería de ventilación, para así garantir que os espazos públicos de nova creación posúan uns fluxos de correntes óptimos dende o punto de vista da saúde. No caso de ser necesario, esta spin-off da USC valora a necesidade de inclusión doutras entradas de aire forzadas que permitan a creación de compartimentos illados mediante correntes de aire que eviten o intercambio de nanogotas entre os diferentes grupos de ocupación. Como resultado, obtense unha optimización do espazo, da súa capacidade e da calidade do aire.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2022.