Ir o contido principal

Os fogares monitorizados por MiAvizor incorporan o dispositivo de alertas sanitarias de 061

De esquerda a dereita, Beatriz Mato, Rocío Mosquera e Juan Casares, no acto de sinatura celebrado este luns na Xunta. Foto: Xunta de Galicia
De esquerda a dereita, Beatriz Mato, Rocío Mosquera e Juan Casares, no acto de sinatura celebrado este luns na Xunta. Foto: Xunta de Galicia

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 vaise sumar ao proxecto MiAvizor, un sistema de teleprevención protactiva deseñado pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario (PsiCom) da Universidade de Santiago e deseñado para a monitorización do comportamento das persoas maiores que viven soas en zonas do rural. O obxectivo é prestar atención a 500 fogares de preto de 150 concellos de Lugo e Ourense, para o que se conta co apoio da Consellaría de Traballo e Benestar. O reitor Juan Casares e a conselleira de Sanidade e presidenta do Padroado da Fundación 061, Rocío Mosquera, asinaron este luns 25 un convenio de colaboración para a implantación de MiAvizor co piloto Vixía nos concellos de Lugo e Ourense. O acordo suporá a instalación nos enderezos vinculados a MiAvizor dun dispositivo en forma de medallón ou pulseira cun pulsador cuxa activación, en caso de emerxencia, orixinará a marcación automática do número 061. Nos casos en que se produza esta alerta, un/unha teleoperador/a de 061 fará unha chamada de contacto protocolizada ao teléfono de referencia da persoa que xerara a alarma co obxecto de confirmar a localización, identificar o motivo da alerta e clasificala, co fin de tomar as decisións oportunas sobre a atención sanitaria a administrar. MiAvizor A sinatura deste acordo de colaboración, como explica o coordinador do proxecto, o profesor e director de PsiCom Jesús Varela Mallou, complementa MiAvizor, un sistema intelixente composto por sensores sen fíos instalados no fogar que analiza de forma autónoma e automática a rutina da vida diaria dunha persoa, chegando a establecer perfís e hábitos de vida que se utilizan para o seguimento e monitorización da persoa maior no fogar. Na actualidade, estímase que o vindeiro mes xa estarán atendidos 250 enderezos de persoas que viven soas, para entre maio e xuño alcanzar a totalidade dos 500 fogares que este sistema de teleprevención quere alcanzar. Segundo explica o profesor Varela Mallou, MiAvizor implantarase ata decembro de 2015 en 500 fogares das provincias de Lugo e Ourense, concretamente na zona central, sur e na montaña luguesa, así como no Miño central, comarca de Valdeorras e Terras do Sil. Na súa orixe, MiAvizor pretendía ser un sistema capaz de aprender e comprender o comportamento diario da persoa que vive sola no seu fogar, que fora intelixente, con capacidade de análise en tempo real, en alerta 24 horas todos os días do ano, para que en caso dunha caída, un desmaio, que a persoa non volva a casa, que no se esperte, que non coma ou que diminúa a súa mobilidade –entre outras situacións– avise de forma automática a un familiar ou a un profesional para poder axudala. Neste senso, os responsables do seu desenvolvemento definiron un sistema que debía ademais ser de fácil instalación, transparente, proactivo, económico, non intrusivo e efectivo. A ‘vixilancia’ invisible A instalación de MiAvizor non precisa ningún tipo de obra, nin tirar cables xa que todos os sensores son sen fíos, e realízase en menos de media hora. Mediante os sensores instalados na vivenda, MiAvizor “aprende e analiza cada movemento da persoa dentro do seu fogar, ata coñecer os seus hábitos e rutinas”, explica o profesor Jesús Varela. A base central recibe a información destes sensores para procesala e analizala grazas aos seus algoritmos de intelixencia e así poder realizar un primeiro diagnóstico en tempo real. Estes algoritmos baséanse en regras do comportamento e teoremas xa existentes así como na experiencia de PsiCom no estudo do comportamento. O sistema permite conectarse dende calquera parte do mundo vía internet para poder acceder á vida diaria das persoas monitorizadas. Ademais, MiAvizor está deseñado para seguir evolucionando no tempo, cunha tecnoloxía de comunicacións actual, (ADSL, GPRS), pero sen esquecer a más utilizada pola poboación, como é a liña de teléfono básica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2013.