Fondo pesar polo falecemento de Pilar Vázquez Cuesta
A Universidade de Santiago de Compostela quere manifestar o seu fondo pesar polo pasamento da que fora catedrática de Portugués Pilar Vázquez Cuesta e únese á dor de familiares e amizades.
Pilar Vázquez Cuesta licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid con premio extraordinario en 1946. Ese mesmo ano obtivo unha bolsa do Instituto de Cultura de Portugal, que aproveitou para obter o Diploma de Lingua Portuguesa na Universidade de Coimbra.
Comezou como docente na Complutense para logo dar clase na Universidade de Salamanca, onde se converteu na primeira catedrática española en Lingua e Literatura Portuguesa. En 1988 conseguiu a Cátedra de Filoloxía Galega e Filoloxía Portuguesa da USC, onde seguiu desenvolvendo o seu labor docente e investigador dedicado ao estudo da lingua galega e as relacións culturais e históricas hispano-portuguesas. Foi ademais durante a ditadura e a Transición un referente intelectual da lingua galega e da súa dimensión dentro das linguas peninsulares.
Pilar Vázquez era filla do xurista e deputado da II república por ORGA Daniel Vázquez Campo e da primeira muller licenciada en Medicina da USC, Modesta Cuesta, e sobriña de Luisa Cuesta, muller precisamente hoxe homenaxeada pola Facultade de Dereito e a Biblioteca Concepción Arenal da USC.