Fondo pesar polo pasamento de Eugenio García-Rodeja
A USC manifesta o seu fondo pesar polo pasamento de Eugenio García-Rodeja, quen fora catedrático de Escola e un dos impulsores da creación do Departamento de Didácticas das Ciencias Experimentais na USC.
A súa actividade docente e investigadora estivo centrada no ámbito das ensinanzas das ciencias, no que tamén contribuíu á implantación dos estudos de doutoramento en Didácticas das Ciencias. Ademais do seu labor docente e investigador, tamén estableceu contactos coa Comisión de Investigación Científica da provincia de Bos Aires (Arxentina) dos que xurdiron dous mestrados en Didáctica das Ciencias Experimentais nas universidades nacionais do Centro e do Litoral. Con anterioridade á etapa universitaria tamén foi catedrático de ensino medio, ámbito educativo no que desenvolveu a metodoloxía AcAb para a Educación Secundaria, plasmada nos proxecto AcAb Química e AcAb Física.