Fondo pesar polo pasamento do profesor Xosé Carlos Macía Arce
A USC manifesta o seu fondo pesar polo pasamento de Xosé Carlos Macía Arce, profesor da área de Didáctica das Ciencias Sociais, pertencente ao Departamento de Didácticas Aplicadas da Facultade de Ciencias da Educación compostelá, e súmase á dor da súa familia e amizades. Finado este martes aos 54 anos de idade, ademais das tarefas como docente desenvolveu traballos de investigación de gran relevancia sobre Sociedade e Territorio e sobre Didáctica das Ciencias Sociais.
Dende a Facultade de Ciencias da Educación destacan a súa dimensión académica e persoal e as súas compañeiras e compañeiros salientan que foi "un gran compañeiro e unha belísima persoa que ademais traballou arreo polo benestar do persoal da USC", manifestan o seu pesar do pasamento e aseguran que "lembraremos sempre o seu espírito universitario, o bo facer, a xenerosidade e o afecto que inspiraba".
Licenciado en Xeografía pola USC no 2000, doutorouse en Xeografía pola USC (2007) e en Educación tamén pola USC (2022). Exerceu a docencia na Universidade de Vigo no período 2010-2011 e entre os anos 2012 e 2013 na Facultade de Formación do Profesorado. A partir de 2013 incorpórase á Facultade de Ciencias da Educación, dentro do Departamento de Didácticas Aplicadas da USC. Nos últimos anos ocupou a presidencia do Comité de Empresa de Persoal Docente e Investigador da USC.
Pertencía ao grupo de Investigación Análise Territorial (ANTE), ao Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), e era membro da Asociación de Xeógrafos Españois (Sección de Didáctica) e da Asociación Universitaria de Profesorado de Didáctica das Ciencias Sociais.
É autor de máis de 100 publicacións científicas entre artigos de revista, libros, capítulos de libros e participacións en congresos nacionais e internacionais. Os seus temas de traballo eran a xeografía e a educación na paisaxe, os sistemas de información xeográfica e os seus usos educativos, a alfabetización cartográfica e a xeografía rural.