Fondo pesar na Universidade de Santiago de Compostela polo pasamento do profesor Luciano Sánchez García
A Universidade de Santiago lamenta o pasamento do profesor xubilado do Departamento de Anatomía e Produción Animal e ex decano da Facultade de Veterinaria, Luciano Sánchez García , un membro da comunidade universitaria querido e recoñecido polos seus méritos nos eidos da docencia, da investigación e da xestión.
O pasamento de Sánchez García xerou fondo pesar especialmente no campus e na provincia de Lugo, onde o finado desenvolveu boa parte da súa traxectoria académica e investigadora. A USC e nomeadamente o seu reitor Juan Viaño, recoñecen os méritos do finado e súmanse así á dor de familiares e amizades nestes duros momentos. Luciano Sánchez García, de 77 anos e nado na localidade leonesa de Valderas, finou na tarde do pasado mércores, día 15 de novembro, na capital luguesa logo dunha longa enfermidade que, ata o último momento, non lle impediu manter a intensa actividade desenvolvida, ademais de na USC, en Caixa Rural Galega ou na Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga), entre outras entidades e asociacións Na igrexa parroquial de San Francisco Javier de Lugo terá lugar este vernes, a partir das 17.30 horas, unha misa de funeral polo finado, cuxos restos mortais descansan no tanatorio Velatorios Lucenses.