Ir o contido principal

Fondo pesar na USC polo pasamento de José María Arias Mosquera

A USC manifestou este martes 12 o seu fondo pesar polo falecemento. FOTO: Santi Alvite
A USC manifestou este martes 12 o seu fondo pesar polo falecemento. FOTO: Santi Alvite
Foi presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela entre os anos 2014 e 2018
Santiago de Compostela

A USC manifesta o seu fondo pesar polo pasamento de José María Arias Mosquera, quen fora presidente do Consello Social da institución compostelá entre os anos 2014 e 2018. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, foi patrón electivo da Fundación Barrié dende 1982 e presidente executivo dende 2009. Ademais, presidiu o Banco Pastor entre 2001 e 2017; exerceu de vicepresidente do Banco Popular entre 2012 e 2017; e presidiu APD Noroeste entre 2015 e 2022.

Tal e como destaca a Fundación Barrié, José María Arias Mosquera sobresaía polo seu "espírito de traballo e amplitude de horizontes". Durante o seu periplo á fronte desta Fundación culmináronse proxectos de referencia internacional, modernizouse o plan de bolsas, paliouse a brecha da investigación, ou leváronse a cabo accións de modernización social.

Participou activamente en diversas asociacións e entidades como o Consello de patróns da Asociación Española de Fundacións; o Padroado da Fundación Príncipe de Asturias, a Fundación Juana de Vega, a Fundación Gaiás Cidade da Cultura, o Consello da Cultura Galega, as Escolas Populares Gratuítas; e foi patrón de honra do Museo de Pontevedra, entre outras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2023.