Ir o contido principal

Fondo pesar na USC polo pasamento do profesor Luis Ángel Cordero Rego

A USC, e moi especialmente a comunidade da Facultade de Matemáticas, únense á dor da familia e amizades pola perda. FOTO: Santi Alvite
A USC, e moi especialmente a comunidade da Facultade de Matemáticas, únense á dor da familia e amizades pola perda. FOTO: Santi Alvite
Ao longo da súa traxectoria, foi vicedecano da Facultade de Matemáticas e director do Departamento de Xeometría e Topoloxía
Santiago de Compostela

A USC manifesta o seu fondo pesar polo pasamento do que fora catedrático da Área de Xeometría e Topoloxía do Departamento de Matemáticas, Luis Ángel Cordero Rego. Ao longo da súa traxectoria, foi vicedecano da Facultade de Matemáticas e director do Departamento de Xeometría e Topoloxía. Foi ademais ‘Research Fellow’ da Universidade de Harvard (1973), profesor agregado da Universidade de Valladolid (xullo de 1975 – marzo de 1976) e catedrático da Universidade de La Laguna (marzo de 1976 – setembro de 1979). 

Realizou valiosas achegas no seu ámbito de coñecemento mantendo unha notable colaboración con Alfred Gray da Universidade de Maryland, Phillip Parker da Universidade do Estado de Wichita, e Manuel de León do CSIC. Foi director de numerosas teses na USC, salientando tamén a dirixida  a Domingo Chinea Miranda da Universidade de la Laguna, que actualmente lidera a liña de investigación en Xeometría aberta a partir da súa tese. Era tamén membro numerario da Real Academia Galega de Ciencias.

A USC, e moi especialmente a comunidade da Facultade de Matemáticas, únense á dor da familia e amizades pola perda desta figura “fondamente querida pola comunidade universitaria” e expresan o seu agradecemento “polo traballo e esforzo que desenvolveu no seo da institución”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2022.