Fondo pesar na USC polo pasamento da profesora Araceli Herrero Figueroa
A Universidade de Santiago de Compostela manifesta o seu fondo pesar polo pasamento da profesora xubilada do Departamento de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo Araceli Herrero Figueroa, unha persoa moi querida entre a comunidade universitaria e na sociedade luguesa, na que tamén era recoñecida polos seus méritos nos eidos da docencia e da investigación.
Doutora en Filosofía e Letras e licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, o labor docente desenvolvido por Araceli Herrero Figueroa estivo de sempre ligado ao Campus de Lugo, desde o antigo Colexio Universitario, onde comezou a súa actividade académica, ata a Facultade de Formación do Profesorado, o centro da USC no que a finada exerceu durante os últimos anos e no que o seu pasamento xerou un fondo pesar.
A USC recoñece os méritos contraídos por Herrero Figueroa, quen tamén é autora de distintas monografías, capítulos de libros en volumes colectivos sobre lingua, literatura e didáctica, ensaios e estudos varios en diversas publicacións e revistas.