Fondo pesar na USC polo pasamento da profesora Carmen María Cadarso Suárez
A USC manifesta o seu fondo pesar polo pasamento da profesora do departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización, Carmen María Cadarso Suárez. A catedrática estaba adscrita ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), e deixa tras de si unha traxectoria de máis de 30 anos de docencia e de coordinación de proxectos e redes de investigación.
Cadarso era especialista en modelos de regresión flexibles e joint modelling para datos lonxitudinais e de supervivencia, e desenvolveu unha ampla experiencia na aplicación de metodoloxías estatísticas no ámbito clínico e epidemiolóxico. As súas liñas de investigación xeraron máis dun centenar de publicacións internacionais en revistas de impacto no eido da Estatística e da Biomedicina. Dirixiu o grupo de Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos, foi copromotora da spin-off académica BIOSTATECH, Advice, Training and Innovation in Biostatistics; dirixiu a Rede Nacional de Bioestatística (BIOSTATNET) e foi directora do Centro Interdisciplinario de Bioestatística de carácter mixto e internacional da USC (ICBUSC).
Tamén desenvolveu a codirección do mestrado propio de Bioestatística da USC e dirixiu preto dunha vintena de teses de doutoramento. Participou activamente na organización de máis de 30 Congresos e Workshops de Bioestatística, dez deles de ámbito internacional. Nos últimos anos participou en múltiples proxectos, de nivel internacional, estatal e autonómico.
"A súa dilatada experiencia en investigación estatística, cun claro enfoque e importantes contribucións no ámbito biomédico, quedou de manifesto no seu extenso currículo, con máis de 200 publicacións en revistas internacionais de impacto, así como o seu liderado en numerosos proxectos de investigación competitivos. Ademais, é realmente destacable o labor de dinamización que levou Cadarso nas áreas biomédica e bioestatística, establecendo pontes entre a investigación que se realiza nos dous ámbitos", explicaron este luns dende a Facultade de Matemáticas.
A súa traxectoria e contribucións, "nun ámbito tan fundamental para o noso benestar como a saúde e as Ciencias da Vida, levouna a xerar unha escola de profesionais da estatística que senten un gran agradecemento pola formación académica e o apoio persoal recibido", sinalaron. "Toda a comunidade académica que a coñeceu e que colaborou con ela sente hoxe admiración pola súa persoa e unha grande pena pola súa perda", engadiron. Cadarso foi tamén fundadora do coro Collegium Compostellanum.