Fondo pesar na USC polo pasamento da profesora María Belén López Meirama
A USC e particularmente a comunidade da Facultade de Filoloxía manifestan o seu profundo pesar polo repentino pasamento da profesora María Belén López Meirama, directora do Departamento de Lingua e Literatura españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral. Como lembran desde o centro, "a súa perda faise especialmente desoladora para as persoas integrantes da área de Lingua española, da que era profesora titular. No seo da Facultade, a dedicación académica e persoal de Belén valeulle o fondo recoñecemento e afecto de discípulos/as e compañeiros/as".
A súa carreira investigadora, centrada na lingua española, xirou á volta da sintaxe, do léxico dispoñible do castelán de Galicia e das construcións fraseolóxicas. Participou en varios proxectos de investigación con colegas das áreas de filoloxía alemá, española e galega, e segundo lembra o persoal da Facultade de Filoloxía "foi unha docente comprometida que sempre tratou de transmitir o seu saber ás xeracións máis novas. Ese compromiso con todas as facetas da vida universitaria levouna a ser tamén vicedecana da Facultade de Filoloxía durante os anos 2012-2016". A comunidade do centro "únese á súa familia e ás súas amizades na inmensa dor provocada polo seu pasamento. Deixa en nós e na nosa memoria o seu exemplo de rigor, compromiso e xenerosidade".