Os fondos de pensións de renda variable tiveron unha rendibilidade media anual do 3% os últimos 20 anos

Os fondos de pensións de renda variable son os que ofrecen máis rendibilidade anual, pero tamén os que expoñen ao investidor a un maior risco de perdas. Nos últimos 20 anos non existe ningún fondo deste tipo que obtivera rendibilidades negativas. Durante este período, a rendibilidade anualizada destes produtos foi de 2,94% de media.
Son algunhas das conclusións do informe Determinantes da performance dos Fondos de Pensións que presentaron hoxe Luis Otero e Pablo Durán, investigadores e docentes da USC, quen describiu e analizou os 1.330 fondos de pensións individuais que actualmente se comercializan en España e que están dispoñibles a 31 de decembro de 2016 na base de datos Morningstar. O obxectivo do traballo é orientar a investidores individuais, xestores e asesores financeiros no seu proceso de decisión de investimento.
O estudo, froito dunha axuda á investigación, concedida por Fundación MAPFRE en 2016, destaca que a industria de fondos de pensións individuais españoles conta actualmente cun patrimonio de 76.456 millóns de euros, dos que case a metade (47,5%) son fondos mixtos. Tamén indica que a maior parte deles inviste en accións de gran tamaño, que un fondo de pensións español ten de media 50,1 activos diferentes, entre accións, títulos de renda fixa, liquidez e investimentos en fondos de investimentos, e que os fondos de renda variable solen concentrar en maior proporción as carteiras que se atopan entre os dez activos máis importantes (50,60 %).
O informe proporciona, ademais, información de interese acerca das principais xestoras e patrimonio xestionado, e neste sentido sinala que o 63,38% dos fondos está xestionado por unha única persoa, que a experiencia media dun xestor é de case 6 anos e que os fondos de pensións cos gastos medios máis elevados son os de renda variable (1,70%).
Mellores ratings O efecto dos ratings é unha variable que afecta de forma moi relevante á toma de decisións por parte dos investidores. O informe mostra que os fondos "recomendados", é dicir, aqueles con 4 ou 5 estrelas, tiveron o peor comportamento das tres categorías entre 2008 e 2017, cunha rendibilidade media do 1,72%, fronte ao 2,17% dos fondos con menos clasificación. Tamén explica que a selección de fondos baseados exclusivamente en ratings non garante un mellor comportamento futuro en termos de rendibilidade e que, fronte á estratexia máis básica, que consiste en investir en activos baratos, a mellor decisión é mercar fondos máis caros pero de maior calidade.
Fondos sostibles Na actualidade hai 11 fondos de pensións españois que están declarados como socialmente responsables (SRI ou Socially Responsible Investing), dos cales catro pertencen á categoría de fondos de pensións mixtos, 6 a renda variable e 1 a miscellaneous. Os resultados de comparar os fondos que se autodeclaran sostibles respecto ao resto, de acordo coa puntuación Sust Score elaborada por Morningstar, permiten observar como os fondos auto declarados SRI obteñen maiores puntuacións de sostibilidade e ESG que os que non se declaran.
Pensións públicas O informe revisa os principais desafíos do sistema público de pensións español e neste sentido fai referencia a distintos informes do Banco de España, a Comisión Europea e a OCDE, que avogan pola insostibilidade do sistema actual público de pensións español, pese ás reformas introducidas de forma recente. Nesta liña, apunta a que se ben distintos organismos avogan pola reforma do sistema, xa sexa pola vía dos ingresos ou a través da vía dos gastos, é necesario fomentar en todo caso a previsión social complementaria. En España, os planes e fondos de pensións son os instrumentos de previsión social complementaria máis desenvolvidos e complexos e un dos principais instrumentos de aforro para a xubilación.
Incentivos fiscais e de liquidez O informe sinala que aos gobernos lles corresponde incentivar o aforro para a xubilación a través de incentivos fiscais ou de liquidez, como os introducidos de forma recente, ao permitir o rescate anticipado dos plans de pensións. Tamén fai referencia a promover a educación financeira para que as persoas sexan conscientes da necesidade de aforrar para a xubilación e mellorar o nivel de salarios existente, “un aspecto que sen dúbida afecta a reducida capacidade de aforro para a xubilación que existe e que provoca que unha gran parte da sociedade española viva ao día”, explican os autores.