Ir o contido principal

Fonseca e a Igrexa da Universidade acollen a mostra 'Beijing Time'

É unha exposición que explora a transformación da sociedade chinesa

A Igrexa da Universidade e o Colexio de Fonseca abrirán as súas portas este mércores 26 para mostrar ao público a exposición ‘Beijing Time’ unha colaboración da USC con Casa Asia e a Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia dentro do programa ‘Camiño Contemporáneo’ do Xacobeo 2010. É a primeira vez que se presenta nunha cidade galega unha selección de pezas de gran formato de diversos artistas mozos beijineses de vangarda.
O acto inaugural da mostra vaise celebrar este mércores 26 a partir das 20:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa presenza do conselleiro de Cultura, Roberto Varela; a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo; o director xerente da SA de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos; o director xeral de Casa Asia, Jesús Sanz; e a comisaria da exposición, Menene Gras.
A mostra dá a coñecer a gran transformación que se produciu na sociedade china das dúas últimas décadas, a través de obras e instalacións de gran formato, firmadas por relevantes artistas do panorama cultural actual. Os contidos relacionan a representación dos modelos urbanos que China creou e que propiciaron unha transformación sen precedentes en Europa nin en EEUU.
Entre os artistas atópanse Cang Xin, Du Zhenjun, Gao Lei, Jin Shi, Miao Xiaochun, Qin Yufen, Shen Yuan, Sui Jianguo, Wang Jianwei, Wang Zhiyuan, Xiong Wenyun, Yi De’er, Yin Xiuzhen, Yuan Shun, Zhang Xiaotao, Zhou Wendou e Du Zhenjun. A cidade, como aglutinadora da transformación social experimentada no país asiático, é unha das protagonistas da exposición, á vez que tema e escenario de moitas das obras expostas.
Con esta mostra quérese ademais potenciar o papel de Galicia como espazo de encontro de culturas aberto ao mundo, con vocación de vangarda, sensible ás novas tendencias culturais procedentes da creatividade internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2010.