Ir o contido principal

Fonseca, porta da entrada á historia cotiá de Compostela

O Salón Artesoado do Colexio de Fonseca alberga estes días, ata o próximo 6 de abril, a exposición ‘Compostela única (un retrato en imaxes anteriores a 1965)’, unha mostra organizada polo Ateneo de Santiago que recolle fotografías da cidade achegadas logo dunha iniciativa de participación social. O proxecto xurde dunha proposta do Taller de Fotografía do Ateneo, que lanzou unha convocatoria para que a cidadanía de Santiago buscase nos seus albumes familiares fotografías anteriores a 1965, primeiro Ano Santo "moderno" antes do Xacobeo. O resultado foron as máis de 1.000 imaxes recibidas, sobre as que se realizou unha escolla das 150 presentes no Colexio de Fonseca, ordenadas en 27 paneis que á súa vez se agrupan en 8 temas. Non obstante, cada panel se complementa cunha proxección permanente de todas as imaxes recibidas, polo que ningunha quedará sen exhibirse. A exposición conta tamén coa achega de fotógrafos profesionais que realizaban o seu traballo nas rúas de Santiago retratando persoas ou eventos relevantes da cidade, fotos que conservan nos seus fondos, así como material de entidades e asociacións diversas. Lugares, oficios, recordos, retratos... todo ten cabida nunha exposición colectiva que pretende enriquecer a memoria compostelá, recuperando aspectos da cidade que xa non existen ou que mudaron nos últimos 50 anos. Ante a resposta a esta convocatoria, o Ateneo agradeceu “a xenerosidade mostrada” por todo o patrimonio posto a disposición da cidadanía. ‘Compostela única (un retrato en imaxes anteriores a 1965)’ poderá visitarse ata o 6 de abril de luns a sábado en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2013.