Formación para a diversidade desde as aulas de Profesorado
Estudantes do grao en Mestre de Educación Primaria que están a cursar na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC a materia ‘Dificultades de aprendizaxe e trastornos de desenvolvemento’, impartida pola profesora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC María Fiuza, formalizaron este martes a entrega á Organización Nacional de Cegos de España (Once) de diversas maquetas bi e tridimensionais, así como contos táctiles, elaborados por eles mesmos ao abeiro desta materia e a través do que pretenden a favorecer e potencial os procesos de aprendizaxe de persoas cegas ou con severas deficiencias visuais.
A Once, mediante unha xestión de préstamo temporal, facilita que o alumnado universitario utilice material tiflotécnico como son as máquinas Perkins, que permiten a produción do “braille” necesario para a creación ou transcrición de contos, que ademais se escriben en galego ou castelán segundo a opción escollida por cada grupo de alumnos e alumnas. Os contos tamén inclúen o texto en tinta, seguindo uns parámetros fixados previamente para poder ser válidos para o alumnado que presenta unha perda de visión leve ou moderada. Intercalan tamén imaxes en relevo con diversidade de texturas para ser percibidas ao tacto polo alumnado con perda total de visión e con elementos en cor para que tamén poidan ser observados polo resto dos estudantes. Deste xeito, este proxecto colaborativo entre a Once e Formación do Profesorado fomenta a aprendizaxe cooperativa do alumnado mediante unha proposta de aprendizaxe servizo, formando en valores, subliñando a aprendizaxe ética e a inclusión. Desde unha visión máis ampla, foméntase o desenvolvemento de redes de colaboración e sinerxia entre a universidade e os axentes da sociedade. A vicedecana da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC, Carmen Díaz Rodríguez, acompañada de profesoras da axencia administrativa da Organización Nacional de Cegos de España (Once) en Lugo, ademais do alumnado que traballou na elaboración do material educativo e de lecer singularizado, foron protagonistas estes martes do acto de entrega formal destes recursos didácticos á Once nunha sesión celebrada no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado da USC. A continuidade no tempo desta iniciativa de colaboración entre a Facultade de Formación de Profesorado e a Organización Nacional de Cegos de España e a ilusión coa que os futuros mestres e mestras desenvolven e dan forma a maquetas bi e tridimensionais e contos elaborados con materiais específicos nos que se mestura a escritura tradicional co código braille, foron dúas das ideas máis destacadas por todos os relatores que interviñeron na sesión.
Todas as maquetas e contos táctiles elaborados durante o curso actual polos estudantes de Formación de Profesorado emprenderon xa a súa viaxe cara aos centros educativos dependentes da Once, onde serán empregados por nenos e nenas cegas ou con deficiencias visuais, que poderán así acadar un maior coñecemento de espazos da súa contorna ou tamén achegarse a narracións e historias ben coñecidas como ‘Bob Esponja’, ‘Pepa Pig’ ou, entre outras, ‘Pocoyó’...
Estudantes de Formación do Profesorado