Ir o contido principal

Formación do Profesorado aborda nunha xornada os riscos e os efectos que depara o consumo de drogas unido á condución

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A Fundación Galega contra o Narcotráfico promove a celebración desta acción informativa e de sensibilización, que se desenvolverá o mércores 21 de novembro

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC e a Fundación Galega contra o Narcotráfico celebrarán o vindeiro mércores 21 de novembro unha xornada informativa e de sensibilización orientada a alertar dos riscos que depara unir o consumo de drogas á condución.

A xornada, que xa vai pola súa segunda edición e que se desenvolverá en quenda de mañá, de 13.00 a 14.30 horas, é de acceso libre e de. Trátase dunha sesión de debate especialmente dirixida ao público universitario, aínda que aberta á participación de toda a poboación interesada pola temática. O obxectivo principal desta mesa de debate, na que intervirán como relatores responsables da Dirección Xeral de Tráfico, Garda Civil e mesmo testemuñas de vítimas de sinistros de tráfico, é o de informar e sensibilizar á poboación universitaria de Galicia sobre o grave perigo que supón o consumo de drogas unido á condución.

Os distintos relatores convidados abordarán ao longo da xornada diversos contidos relacionados coas consecuencias da condución de vehículos baixo os efectos do alcol ou doutras drogas, con especial atención ás derivacións desta problemática no ámbito sanitario e legal. Así, ademais de informar e sensibilizar sobre os graves perigos que supón a mestura de drogas e a condución de vehículos, os promotores deste foro monográfico pretenden lograr un posicionamento activo entre a mocidade, concienciando aos condutores sobre a importancia de conducir dun modo responsable, a fin de evitar unha práctica de altísimo risco como o é conducir baixo os efectos das drogas.

Programa

O responsable do Servizo de Prevención de Drogas do Concello de Lugo, Francisco J. Fernández Eiros, abrirá a quenda de intervencións deste foro cunha exposición sobre as accións preventivas impulsadas neste eido desde o Concello de Lugo. De seguido, a subxefa provincial de Tráfico Lugo, Seila González Fernández achegará a visión da DXT ao respecto do consumo de drogas e condución. O tenente coronel e xefe do sector Tráfico de Galicia da Garda Civil, Javier Molano Martín, trasladará aos asistentes algunhas recomendacións para evitar situacións de risco. A delegada en Galicia da asociación Nacional de Lesionados Medulares e Grandes Discapacitados Físicos (Aspaym), Isabel Díaz García, pechará a quenda de exposicións co relato dun testemuño dunha vítima de accidente de tráfico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2018.