Ir o contido principal

Formación do Profesorado acolle este martes un seminario sobre educación en prisión organizado por SEPA-interea e Aliad Ultreia

Cartaz do seminario
Cartaz do seminario
O programa ‘Educacións en prisión. Experiencias en Galicia’ desenvolverase este martes a partir das 10.00 horas, no salón de actos do centro universitario lugués

O grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) da USC e a asociación Aliad Ultreia de Lugo celebrarán este martes 30 de outubro, a partir das 10.00 horas, na Facultade de Formación do Profesorado, o seminario ‘Educacións en prisión. Experiencias en Galicia’. Esta actividade encádrase no marco da liña de colaboración e acción socioeducativa que veñen mantendo as dúas entidades desde 2011 no Centro Penal de Monterroso.

Os promotores deste seminario pretenden contribuír con esta acción a xerar un espazo de encontro e intercambio entre profesionais e voluntariado que desenvolve labores educativos nas prisións, así como profesionais da educación interesados polo ámbito penal, a fin de compartir experiencias, reflexionar e impulsar estratexias de traballo colaborativo para fortalecer a dimensión pedagóxica das cadeas.

O programa deste seminario inclúe dúas conferencias-marco impartidas por Fernando Gil Cantero, profesor da Facultade de Educación na Universidade Complutense de Madrid, e Enrique Arnanz Villalta, especialista en desenvolvemento comunitario, particularmente en ámbitos de exclusión, e director de programas de preparación para a liberdade. As integrantes da Asociación Extramundi Coro González e Lorena Durán dinamizarán un obradoiro de traballo de colaboración en centros penais. Asemade, no marco deste seminario tamén se presentarán dezasete experiencias desenvolvidas por entidades externas e centros educativos de prisións galegas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2018.