Formación do Profesorado acolle o mércores 22 a proxección do documental ‘Las maestras de la República’
A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo acollerá este mércores, a partir das 17.00 horas, no salón de actos do centro, a proxección do documental audiovisual ‘Las maestras de la República’. A visualización desta produción, con guión e dirección de Pilar Pérez Solano, será seguida dun debate posterior, no que participará o catedrático de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela Uxío Otero Urtaza.
O documental ‘Las maestras de la República’ inclúe testemuños das protagonistas e dalgunhas profesoras universitarias que teñen traballado sobre este tema nos últimos anos, tales como Carmen Agulló, da Universidade de Valencia; María del Mar del Pozo, da Universidade de Alcalá de Henares; Sara Ramos, da Universidade Complutense de Madrid, ou Carmen García Colmenares, da Universidade de Valladolid. Así mesmo, o documental amosa retallos das vidas dalgunhas das mestras máis extraordinarias que houbo na Segunda República, como é o caso de María Sánchez Arbós, María Barbeito, Justa Freire ou Regina Lago. Cómpre considerar que esta última foi profesora de Matemáticas na vella Escola Normal de Lugo (actual Facultade de Formación do Profesorado), a principios da República, e introduciu o pensamento de Piaget e as ideas da Escola de Xenebra por primeira vez en Galicia.
As mestras republicanas non dubidaron en comprometerse cuns ideais que tiñan como obxectivo facer da educación o piar da democracia, o desenvolvemento e o benestar do conxunto do país. Mulleres modernas, cultas e independentes que se implicaron na renovación pedagóxica, na consecución dos dereitos das mulleres e en actividades sindicais, sociais e políticas que eran fundamentais para o impulso do país. Este documental pretende ser un pequeno homenaxe a esas mestras, condenadas ao esquecemento pola depuración franquista, que dedicaron as súas vidas a ensinar as palabras coas que nomeamos a liberdade, democracia, xustiza e igualdade.