Formación do Profesorado acollerá do 7 ao 9 de maio dous foros sobre intervención educativa e social no colectivo xitano
A Facultade de Formación do Profesorado de Lugo acubillará do 7 ao 9 de maio dúas xornadas sobre intervención educativa e social no colectivo xitano, organizadas pola Unión del Pueblo Gitano en colaboración coa Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo e a USC e que contan con financiamento do Ministerio de Sanidade Servizos Sociais e Igualdade.
Estas dúas accións formativas, que se desenvolverán de xeito simultáneo na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo e para as que se ofrecen un total de 55 prazas, van dirixidas a todas aquelas persoas interesadas en adquirir coñecementos e competencias para traballar co colectivo xitano, xa no plano escolar ou no ámbito social. O prazo de inscrición nestas xornadas permanecerá aberto ata o día 1 de maio. A matrícula é de balde as persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través das páxinas web http://tinyurl.com/JFPAE-Lugo e http://tinyurl.com/JFPAE-Lugo2013. As prazas son limitadas e no proceso de matrícula respectarase a orde de inscrición. As actividades presenciais dos dous eventos desenvolveranse na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo os días 7, 8 e 9 de maio en quenda de tarde, de 16.00 a 21.00 horas. O curso de formación de profesionais no ámbito escolar está estruturado en 14 horas de formación. Os contidos das xornadas sobre intervencións desde o ámbito social esténdese ao longo de 60 horas. Así, ademais da sesións presenciais que se prolongarán durante 15 horas, os/as asistentes que desexen acadar o pertinente certificado acreditativo terán que completar e superar os módulos ofertados en liña, que rematarán o 21 de xuño.