Ir o contido principal

Formación do Profesorado amosa ata o 27 a mostra ‘Con nome de muller’, que logo irá a Ciencias e a Intercentros

Paneis da mostra 'Con nome de muller', na entrada da Facultade de Formación do Profesorado
Paneis da mostra 'Con nome de muller', na entrada da Facultade de Formación do Profesorado
A USC tamén matén abertas a exposición fotográfica ‘Metáforas visuais’, de Román Montesinos, en Veterinaria, e ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’, no MIHL

A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo amosará ata o vindeiro 27 de maio a mostra ‘Con nome de Muller’, unha iniciativa do programa de apoio ao emprendemento feminino da Universidade de Santiago de Compostela, Woman Emprende, a través da que se busca sensibilizar sobre o emprendemento feminino e recoñecer os adiantos e logros que distintas mulleres acadaron nas épocas nas que lles tocou vivir.

A exposición ‘Con nome de muller’, que desde o pasado 17 de abril permaneceu aberta ao público lugués na sala ‘Isaac Díaz Pardo’ da Facultade de Veterinaria de Lugo, a onde chegou logo de recorrer distintos espazos universitarios en Compostela ademais doutras instalacións emprazadas en distintas localidades da xeografía galega, trasladarase o mesmo 27 de maio á Facultade de Ciencias, para logo, entre o 10 e o 30 de xuño, quedar instalada no vestidor da Biblioteca Intercentros do campus de Lugo. Os promotores da mostra ‘Con nome de Muller’, ideada pola Universidade de Santiago de Compostela, pero aberta a toda a sociedade, buscan con esta proposta cultural e tamén de sensibilización social traer de novo á memoria episodios do pasado que, con frecuencia, acostuman esquecerse, ademais de poñer especialmente en valor a figura e os logros acadados por tantas e tantas mulleres. O legado destas emprendedoras aínda hoxe serve para transmitir á mocidade a necesidade de ter sempre unha actitude positiva e proactiva ante a vida. A bo seguro poucas persoas saiban que a máquina para lavar pratos, os cueiros impermeables e con broches adhesivos, as toalliñas desmaquilladoras, o fío dental percurtado, a mesa de decantamento de champañas, o líquido corrector mecanográfico ou as PDAs actuais sexan inventos de mulleres. Tampouco é ben coñecido que a finais do XIX houbo unha candidata á presidencia dos Estados Unidos que fundou a súa propia axencia de bolsa, que tamén era muller a segunda persoa en sobrevoar en solitario o Atlántico ou que no campo de batalla da Guerra Civil española unha cámara fotográfica atrapaba con ollos de muller imaxes desgarradoras, relatou a vicerreitora de Calidade e Responsabilidade Social da USC, Benita Silva Hermo, na presentación en Lugo desta mostra monográfica. Xunto ‘Con nome de muller’, outras dúas exposicións completan no último treito do curso académico 2012-2013 a oferta cultural da Universidade de Santiago de Compostela na capital luguesa. De feito, na cidade están actualmente abertas ao público ‘Metáforas visuais’, unha compilación de fotografías do coruñés Román Montesinos que se pode ver na sala ‘Isaac Díaz Pardo’ da Facultade de Veterinaria, e ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’, unha mostra de instalacións e de distintos traballos do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), que dirixe a catedrática Inmaculada Cárdenas, e que pode visitarse nas instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

A mostra ‘25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’, inaugurada o pasado 11 de maio no marco do programa ‘Sons creativos’, ofrece asemade ao público interesado a posibilidade de participar en visitas guiadas, que se celebran todos os xoves, a partir das 19.00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2013.