Formación do Profesorado analiza os hábitos lúdicos familiares durante o confinamento
A USC analiza os hábitos lúdicos das familias durante o confinamento derivado do estado de alarma decretado por mor do coronavirus e afonda no estudo e no coñecemento do xogo infantil nos fogares a través da enquisa en liña ‘Hábitos lúdicos nas familias con fillas/fillos en tempo de confinamento (COVID-19). Este estudo en liña permaencerá accesible na web ata o vindeiro 27 de abril, cando está previsto que os máis pequenos poidan saír das súas casas.
O obxectivo deste cuestionario, deseñado e coordinado pola profesora do Departamento de Pedagoxía da USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo Silvia López-Gómez xunto con Apolinar Varela, profesor da Facultade de Educación e Psicoloxía da Universidade de Navarra, é o de coñecer como e a que xogan as familias durante estas semanas de confinamento.
O estudo liderado pola doutora Silvia López-Gómez, especialista en videoxogos, e Apolinar Varela, que desenvolveu a súa tese de doutoramento sobre o xogo tradicional, investiga nos cambios producidos durante a corentena respecto aos costumes lúdicos nos fogares con menores de idade.
A acción proposta por estes dous docentes, que lanzaron esta enquisa a través das redes sociais o pasado 8 de abril, busca tamén explorar a compresión sobre a percepción das nais e dos pais sobre o xogo no fogar antes e durante o confinamento, a fin de mellorar así a súas perspectivas sobre o dereito ao xogo na infancia para futuras investigacións.
López-Gómez salientou que, alén da finalidade investigadora da enquisa ‘Hábitos lúdicos nas familias con fillas/fillos en tempo de confinamento (COVID-19), este cuestionario antóllase como unha ferramenta axeitada para mellorar a comprensión sobre a realidade lúdica nos fogares e na sociedade en xeral.
Boa acollida
A apreciación sinalada por esta docente da USC vai na liña da boa acollida que está a ter este cuestionario en liña en moitas familias con menores. De feito, engadiu, en apenas dúas semanas, xa recibimos máis de 500 respostas. A maioría dos cuestionarios cumprimentados recibidos proceden de Galicia, aínda que tamén contamos con usuarios de toda a xeografía española e mesmo un número representativo de familias de países iberoamericanos como Arxentina ou México, onde tamén se está a responder ás interpelacións feitas a través deste cuestionario, engadiu.