Ir o contido principal

Formación do Profesorado, un faro de innovación permanente

Lina Iglesias, á esquerda, no Laboratorio de Educación Infantil da USC con educadoras nas escolas infantís municipais de Lugo
Lina Iglesias, á esquerda, no Laboratorio de Educación Infantil da USC con educadoras nas escolas infantís municipais de Lugo
O Laboratorio de Educación Infantil da USC que dirixe a profesora Lina Iglesias no centro universitario lugués antóllase como lugar de formación permanente de mestres e educadores, aos que ofrece a posibilidade de experimentar con novos materiais nun contexto no que a variable espacial cobra especial importancia no proceso educativo
Lugo

O Laboratorio de Educación Infantil da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Terra da USC reforza e amplías as competencias do centro universitario lugués no seu dilato labor de formación e capacitación de futuros mestres e mestras cun verniz innovador que permite aos docentes xa en exercicio, así como aos futuros educadores experimentar e probar as posibilidades que ofrecen novos materiais educativos, ademais de afondar e reflexionar sobre a importancia do contexto (espazos e forma de presentación de propostas educativos para os máis cativos) cara ao éxito do proceso ensino-aprendizaxe.

O Laboratorio de Educación Infantil da Facultade de Formación do Profesorado, unha iniciativa impulsada e coordinada pola profesora Lina Iglesias Forneiro, da área de Didáctica e Organización Escolar do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC, pretende converterse nun espazo de referencia para a formación práctica e permanente dos educadores e mestres de Educación Infantil.

As potencialidades que ofrece esta dotación universitaria activa na sede da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo quedaron sobradamente probadas no obradoiro ‘Pensando os espazos na escola infantil 0-3’, un programa de formación a demanda financiado polo servizo de educación do Concello de Lugo, no marco do que máis de 30 educadoras das escolas infantís municipais tiveron a oportunidade de participar en diversas presentacións teóricas, ademais de experimentar con novos materiais e deseñar propostas educativas innovadoras.

O curso, que contou como docentes coas mestras e pedagogas María Antonia Riera Jaume e Teresa Godall Castell, serviu para afondar sobre a idea de que o espazo constitúe un terceiro educador nos procesos de ensino-aprendizaxe en idades infantís, ademais de experimentar sobre as potencialidades educativas que ofrecen diversos obxectos e materiais presentados de forma atractiva.

A análise e debate dos principios educativos, científicos e culturais que orientan a  mellora e transformación dos espazos nos centros educativos 0-3, e a evolución experimentada ao longo dos anos tanto no uso como na transformación das aulas ou contornas de educación infantil, centraron parte das sesións expositivas dun curso no que tamén se abordaron exemplos dos procesos de transformación dalgúns centros.

A determinación da calidade e dos criterios que cómpre seguir para facer unha axeitada selección de obxectos e materiais de uso educativo, o deseño de propostas de intervención que capte a atención e estimulen a motivación dos máis cativos e a evolución que presenta a experimentación na primeira infancia do sensorial ao simbólico, constitúen outras das cuestións abordadas no programa desenvolvido pola profesora Lina Iglesias no Laboratorio de Educación Infantil da Facultade de Formación do Profesorado da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.05.2023.