Formación do Profesorado favorece a atención á diversidade
A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC traballa desde hai xa catro anos nun proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS) co Ceip Illa Verde da capital luguesa, unha iniciativa a prol da atención á diversidade, a través da que os seus promotores pretenden emprender e desenvolver experiencias de aprendizaxe, nas que o alumnado universitario destaca pola súa participación activa, ao tempo que o alumnado receptor tamén acada servizos beneficiosos desta relación.
Os resultados da cuarta edición deste proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS), un programa que coordina a profesora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC María Fiuza Asorey, consistiron na elaboración de materiais sensoriais acaídos para favorecer a aprendizaxe do alumnado con necesidades educativas especiais matriculados no citado centro educativo lugués.
Este material educativo, previamente solicitado desde o Ceip Illa verde e cuxa realización estivo supervisada por unha docente de Pedagoxía Terapéutica, así como por unha mestra de educación infantil e outra de sexto curso de educación primaria, permanece desde hoxe a disposición do centro educativo lugués, segundo indicou a profesora Fiuza Asorey, quen subliñou que este tipo de accións proban que a Universidade mantén abertas as súas portas e desenvolve un traballo comprometido coa sociedade á que pertence.
Fiuza Asorey destaca asemade que este tipo de proxectos de aprendizaxe e servizo (ApS) posibilitan a integración do servizo á comunidade coa aprendizaxe de contidos, habilidades e valores, constituíndose así unha alianza de éxito, na que todas as partes implicadas realizan achegas e reciben beneficios a un mesmo tempo.